Pestanas principais

Santiago Amor recibiu aos alumnos do IES de Ames que se presentaron ás Olimpíadas de Bioloxía en Vigo

Mércores, 25 de xaneiro de 2012

[25-01-2012] O alcalde de Ames, Santiago Amor, recibiu esta mañá no concello a Pablo Valledor, Noemí Rozas e Santiago Vidal, tres dos catro alumnos do IES de Ames que se presentaron á Olimpíada de Bioloxía en Vigo. Un deles, Pablo Valledor, foi seleccionado xunto a outras dúas mozas viguesas para representar a Galicia na final estatal en Murcia. Os mozos achegáronse esta mañá á Casa Consistorial acompañados polo seu profesor do instituto Juan C. Yürs. Os mozos manifestaron “que as probas eran difíciles pero que serven para darte conta do moito que queda por aprender”.

Con moito orgullo lle presentou Juan Yürs ao alcalde de Ames os seus alumnos de segundo de bacharelato que participaron na Olimpíada de Bioloxía. O profesor asegurou que en xeral os alumnos do IES son bos estudantes e que iso é unha satisfacción para el. Pola súa parte, Santiago Amor manifestou que tamén é unha gran satisfacción para Ames ter unha comunidade educativa que obteña tan bos resultados neste tipo de probas e que "é moi importante non perder valores coma a responsabilidade e o esforzo".

Os alumnos explicaron que están interesados en estudos de medicina, biotecnoloxía e física e que teñen moitas ganas de seguir adquirindo coñecementos no ámbito da bioloxía. Profesor e alumnos mantiveron esta mañá unha animada charla co alcalde de Ames, Santiago Amor, que os animou a seguir estudando "pois todo esforzo ten a súa recompensa" explicou.

Pablo Valledor, un dos rapaces que se achegaron hoxe ao concello, irá en marzo a Murcia para participar na Olimpíada Estatal. Santiago Amor trasladoulle o seu desexo de que teña tamén un bo resultado nesa proba, aínda que dixo que "soamente por participar os catro alumnos, Pablo Valledor, Noemí Rozas, Santiago Vidal e Alejandro Gómez, son uns gañadores". O alcalde entregoulles como recordo da visita unhas guías sobre a flora e a fauna dunha ruta do concello.