[16-07-2011] O alcalde de Ames, Santiago Amor, recibiu este venres aos rapaces e rapazas da Escola de Verán de Bertamiráns co obxectivo de que os máis pequenos/as coñezan como funciona o seu concello. Membros da agrupación municipal recibiron á rapazada que participa, nestes días, na actividade que organiza o concello de Ames para a conciliación laboral e familiar e para o entretemento dos cativos/as amienses.
A visita da policía municipal sempre resulta un valor seguro de entretemento para os nenos e as nenas. Por iso, tras a visita ao Salón de Plenos, dous membros da policía de Ames mostráronlle á rapazada, nesta visita ao concello, os coches de policía que lles permitiron subir ao vehículo e tocar a sirena.
O Camiño de Ames
Arredor de 70 nenos e nenas de Bertamiráns fixeron, ao igual que outros anos, o camiño a pé ata o Concello de Ames. Nenos e nenas de entre 6 e 12 anos camiñaron en parellas baixo a supervisión de 9 monitores un percorrido de algo menos de 500 metros. Os máis pequenos e pequenas da Escola de Verán de Bertamiráns quedáronse nas instalacións do IES de Ames realizando barcos con caixas de cartón e vacas decorativas como tope das portas.
Tras aproximadamente 30 minutos de camiño, os rapaces e rapazas chegaron a Praza do Concello onde realizaron un pequeno descanso no que tomaron a merenda e xogaron nos arredores da casa consistorial.
Coa visita ao Concello de Ames finaliza a primeira quenda de actividades da Escola de Verán de Bertamiráns que conta este ano coa participación de 157 rapaces e rapazas. Na segunda quenda do programa, que comeza o 18 de xullo e finaliza o último día deste mes, estímase a participación de arredor de 130 nenos e nenas amienses que continuarán aprendendo e gozando das actividades que o goberno municipal ten preparadas para o seu divertimento.

Este venres, coa finalización da primeira quenda do programa lúdico, arredor de 70 rapaces de entre 6 e 12 anos realizaron unha visita ao Concello onde foron recibidos polo alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, María González, o concelleiro de Cultura, Educación e Patrimonio, Alfonso Rey, o concelleiro de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro e o concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, Bernardo Moar.
Ás 12.00h da mañá os rapaces e rapazas acompañados por 9 monitores da Escola de Verán dirixíronse as instalacións do consorcio municipal. Os nenos e nenas "invadiron" o concello e guiados por Santiago Amor instaláronse no Salón de Plenos onde o alcalde amiense lles ensinou como funciona o goberno municipal. Santiago Amor mostroulles o bastón de mando do concello ante a emoción dos cativos/as que sentiron a necesidade de tocar este aparello representativo. A súa vez, explicoulles cal constitúe a función deste utensilio que un dos nenos definiu como "a última cousa que quedou do anterior alcalde".
De seguido, Santiago Amor adicouse a ensinarlle aos pequenos e pequenas de Ames os labores que a agrupación realiza no Salón de Plenos. O rexedor municipal preocupouse pola opinión dos veciños máis cativos de Ames que realizaron propostas ao alcalde e, a súa vez, mostraron o seu orgullo por ser amienses. Entre as propostas dos nenos/as destacaron a creación dun parque acuático, dun campo de fútbol, dun zoo, dunha ponte de chocolate e dun cine. Un dos rapaces demandou que tódolos nenos puideran ser alcaldes por un día mentres que outro solicitou que o goberno municipal trouxese a Copa do Mundo a Ames. Ante esta última petición, Santiago Amor comprometeuse coa rapazada a traer "senón a orixinal, unha réplica da Copa do Mundo".

Contido relacionado

El Correo Gallego: "Los niños toman el consistorio de Ames para conocer su funcionamiento"
La Voz de Galicia: "Faldas, gaitas escocesas, centollos y vieiras"




