[29-07-2011] Os alcaldes de Ames e Brión, Santiago Amor e Xosé Luís García mantiveron esta mañá unha reunión no concello de Brión dentro dun marco de diálogo e colaboración que se quere marter dende os dous consistorios. Nesta primeira reunión, os rexedores abordaron asuntos que agora mesmo teñen en común Ames e Brión, principalmente trataron temas relacionados co abastecemento, coa recollida de lixo ou coa depuradora de Sisalde, infraestrutura que comparten ambos os municipios.
Debido a que segundo a empresa encargada da xestión do abastecemento en concellos da comarca, os niveis dos depósitos de auga baixaron considerablemente e ata límites moi preocupantes, Santiago Amor e Xosé Luís García fan un chamamento á cidadanía para que se realice un consumo responsable de auga. A seca é un tema que preocupa aos dous alcaldes, do mesmo xeito que tamén os preocupa a recollida do lixo ou o estado da depuradora de Sisalde, unha infraestrutura que verte ao río Sar o 50% dos residuos sen tratar.
Ambos os rexedores destacan o bo entendemento entre Ames e Brión e manifestan a súa intención de dialogar cos alcaldes doutros concellos próximos ao de Ames e con proxectos en común.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "La disponibilidad de agua en Ames y Brión cae a niveles preocupantes"
El Correo Gallego: "Los depósitos que abastecen Ames y Brión bajan a límites alarmantes"




