Pestanas principais

Santiago Amor: “É un orgullo para min representar ó concello de Ames na Deputación”

Mércores, 13 de xullo de 2011

[13-07-2011] O alcalde de Ames, Santiago Amor, tomou posesión do seu posto como deputado provincial nun acto que se celebrou hoxe ás doce horas do mediodía e no que Diego Calvo foi elixido novo presidente provincial. Neste acto o presidente da Deputación coruñesa explicou que dende a institución que preside se traballará dende o diálogo e o consenso e que a austeridade rexerá todas as súas accións.

Na mesma liña, o rexedor amiense, Santiago Amor, declara que baseará o seu traballo como deputado no diálogo, igual que fai como alcalde de Ames, e asegura tamén que " no momento no que nos atopamos é importante pensar en axudar a mellorala situación dos que peor o están pasando". "É un orgullo para min representar ó concello de Ames na Deputación e considero ademais que é importante para todos os cidadáns do meu municipio que teñamos representación nesta institución" asegura Amor.

Diego Calvo estará acompañado nas filas do Partido Popular polos deputados Santiago Amor Barreiro, Carmen Hervada Echevarría, María Begoña Freire Vázquez, María Elvira Padín Fernández, Manuel Rivas Caridad, José Carlos Calvelo Martínez, Antonio Cañás Varela, María Dolores Faraldo Botana, Perfecto Vázquez Lema, Zaira Rodríguez Pérez, Miguel de Santiago Boullón, José Santiago Freire Abeijón, Manuel Santos Ruiz Rivas, José Albino Vázquez Aldrey, Manuel Taboada Vigo, e Antonio Pereiro Liñares.

Santiago Amor ocupará o seu posto como Deputado Provincial durante o período de dous anos, ata o 2012, cando será relevado polo alcalde de Rois, Ramón Tojo.