Pestanas principais

Santiago Amor é nomeado alcalde de Ames cos votos do seu partido

Sábado, 11 de xuño de 2011

[11-06-2011] Santiago Amor converteuse no novo alcalde de Ames co apoio dos 11 concelleiros e concelleira do seu partido. O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns quedou pequeno para acoller a todos os veciños e veciñas que acudiron a ver o acto de constitución da nova corporación municipal. Despois de constituír a mesa de idade, os concelleiros que conforman a nova corporación foron subindo ao escenario un por un para expresar o acatamento á Constitución. Ademais recibiron cadansúa medalla distintiva da súa condición de membros da nova corporación municipal. Despois de realizar a votación para ditaminar o novo alcalde o decano do pleno, Alfredo Taboada, foi o encargado de entregarlle o bastón de mando ao novo alcalde de Ames, Santiago Amor. A sesión plenaria celebrada na casa da Cultura de Bertamiráns estivo marcada pola súa vistosidade e pola milimétrica posta en escena, tanto no tocante ao espazo coma no referente ao tempo.


A quenda de intervencións pechouna o alcalde, Santiago Amor, quen comezou dicindo que "hoxe é un día feliz en Ames porque acabamos de constituír unha nova corporación municipal froito da vontade veciñal expresada nas urnas. Hoxe é un día especial porque democraticamente renovamos os representantes do concello e se produce a alternancia no goberno. Como novo alcalde de Ames quero dicirlles que gobernaremos con sentido institucional, ecuánime e austero. Son consciente da confianza e responsabilidade que depositou en nós o pobo de Ames. Son consciente de que o meu goberno terá que facer máis con mesmo. Pero teño que dicirvos que estou disposto a levar a cabo a misión encomendada con enerxía e disciplina, con vontade e decisión, con cabeza pero tamén con corazón. Neste día tan especial tamén quero expresar o meu recoñecemento aos alcaldes que me precederon, Carlos Fernández e Xosé Astray, así como a todos os concelleiros/as amienses da democracia, pola súa entrega e participación como servidores públicos".

Santiago Amor continuou dicindo "dende este grupo municipal tendemos a man aos outros dous grupos municipais, para construír consensos que nos permitan servir mellor á comunidade amiense e avanzar máis rápido. Servizos públicos, igualdade de oportunidades, e benestar social son os principios fundamentais sobre os que descansará a acción deste goberno. Austeridade, transparencia e rigor serán as cualidades da novo goberno co fin de garantir as políticas sociais de conciliación da vida familiar e laboral, educativas e deportivas. As primeiras actuacións do noso goberno irán encamiñadas a trazar un plan económico e financeiro axeitado ás posibilidades reais do noso concello, a racionalizar o gasto e a facer orzamentos rigorosos con capacidade de execución. A vertebración do noso concello será outro dos eixes fundamentais da acción do goberno municipal, a sensibilidade polas nosas parroquias e polas persoas que alí viven serán unha das nosas materias preferentes, por iso haberá unha concellería especifica de acción parroquial e rural. De igual modo, apostaremos por un urbanismo racional ordenado e responsable, que faga posible a consecución do solo necesario para a creación de novos equipamentos, tanto educativos como sanitarios".


Pola súa banda, o líder do PSOE, Carlos Fernández, comezou dicindo que "se abre un novo ciclo capitaneado polo novo alcalde, Santiago Amor, e o Partido Popular. Nós estaremos na corporación municipal para colaborar no traballo de sacar este concello adiante e para que continúe sendo un referente, como leva sucedendo dende hai xa moitos anos. Os 21 concelleiros e concelleiras da corporación municipal debemos desenvolver o noso traballo en beneficio do Concello de Ames e en beneficio de que siga medrando e que siga por eses camiños que xa leva anos de ruta. Estaremos tamén para representar a case 4.000 persoas que co seu voto directo e decidido optaron pola nosa candidatura. Quero agradecer a confianza de todos os militantes do PSOE e dicirlles que non lle imos a fallar".


Intervención dos tres grupos políticos
Logo da votación abriuse unha quenda de intervencións dos tres grupos políticos con representación municipal. Pilar Candocia Pita polo BNG asegurou que "o pasado 22 de maio a cidadanía optou por un cambio de alcalde. Debe ser unha lección da que todos e todas aprendamos". Candocia continuou dicindo "señor alcalde non queremos que se cambie as políticas que converteron a Ames nun concello referente de servizos para as persoas. Agora está nas súas mans escoitar aos veciños e veciñas, atendelos e facer políticas que vaian encamiñadas a mellorar a vida de todos e todas. Agardo de vostede que fale con todos os grupos políticos que teñen representación na corporación municipal e tamén con aqueles que sen acadar representación representan aos nosos veciños e veciñas. Pídolle que comece elaborando un proxecto de participación cidadá, un regulamento que o Concello de Ames non ten. O BNG dispón dun proxecto de participación cidadá, que debe de ser a base do novo goberno, e estamos dispostos a pasarlle unha proposta para que o novo goberno comece a traballar por ela".


O pleno de constitución da nova corporación comezou poucos minutos despois das 12:00 h. da mañá. A mestra de cerimonias durante a primeira parte do acto foi a secretaria municipal, Rosa Ana Prada Queipo, que abriu o acto convocando aos dous concelleiros que constituíron a mesa de idade: o decano do pleno, Alfredo Taboada Alvelo e a benxamina, María González Gómez.

Os dous foron os encargados de testemuñar o xuramento ou promesa dos outros 19 concelleiros electos, que foron subindo ao escenario de un en un para expresar o acatamento á Constitución. Xusto nese momento todos e todas recibiron cadansúa medalla distintiva da súa condición de membros da nova corporación municipal. Como tales, os 21 concelleiros sentaron nunha tarima de tres alturas. Na parte superior, os 11 do Partido Popular, no escalón do medio os 6 concelleiros e concelleiras do PSOE e, na parte de baixo da bancada, os 4 do BNG.

A secretaria municipal informou dos tres nomes entre os que habería que elixir ao alcalde. Os 21 concelleiros puideron votar por Santiago Amor, Carlos Fernández ou Pilar Candocia. Outra opción era absterse de dar un nome concreto. Os concelleiros/as de cada un dos grupos municipais votaron a favor dos seus respectivos candidatos. Deste xeito os concelleiros/as populares votaron por Santiago Amor, os socialistas por Carlos Fernández e os nacionalistas por Pilar Candocia. O escrutinio supuxo a confirmación de facto de que Santiago Amor pasa a ser o novo alcalde de Ames cos 11 votos dos concelleiros e concelleiras do seu partido.

Despois de realizar a votación para ditaminar o novo alcalde o decano do pleno, Alfredo Taboada, foi o encargado de entregarlle o bastón de mando ao novo alcalde de Ames, Santiago Amor. A partir de agora empeza a contar o prazo dun mes para que se desenvolva o denominado Pleno de Organización, no que se definirán as distintas concellarías, o reparto das delegacións da alcaldía e a representación do Concello noutros organismos.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "La comarca cede el bastón a los más votados... salvo en Negreira"
La Voz de Galicia: "Amor anuncia para Ames una gestión con rigor e austeridade"