[12-03-2012] O alcalde Santiago Amor asegurou esta tarde na inauguración da exposición do V Premio Internacional de Arte Gráfico Jesús Núñez que “as 30 obras que durante os próximos días poderemos admirar no Pazo da Peregrina contribuirán a consolidar desde este emblemático espazo arquitectónico unha oferta cultural no Concello de Ames atrainte e de calidade contrastada”. A mostra, organizada pola Deputación Provincial da Coruña, contou ademais coa participación do deputado provincial José Albino Vázquez e do concelleiro de Cultura, Educación e Patrimonio, Alfonso Rey.

Na súa intervención, Santiago Amor cualificou como "todo un luxo" acoller esta exposición no Pazo da Peregrina, xa que "estamos a falar dunha mostra de referencia no eido da arte da estampa, tanto a nivel nacional como internacional". Neste sentido, lembrou que á convocatoria do premio na súa quinta edición presentáronse un total de 168 traballos, 86 deles procedentes de fóra de España. O alcalde agradeceu "a decisiva colaboración institucional" que a Deputación da Coruña está a ofrecer ao Concello de Ames en materia de programación cultural e destacou que Ames "é hoxe o primeiro dos 10 concellos da provincia da Coruña polos que pasará esta exposición tras a súa inauguración en Betanzos, na sede da Fundación Centro Internacional da Estampa Contemporánea, creada e impulsada por Jesús Núñez".
"Con esta iniciativa, desde o Concello de Ames quixemos sumarnos á Deputación Provincial na súa homenaxe ao labor desenvolvido por este artista multitudinario, entendendo que o premio que leva o seu nome pon de releve o talento e a creatividade dunha vida entregada á Arte con maiúsculas", explicou Santiago Amor.
Do mesmo xeito, segundo o alcalde de Ames, este premio "fai posible afondar nas múltiples posibilidades desta linguaxe creativa". Para Amor, "os traballos expostos demostran a vixencia da arte gráfica e a inquietude dos seus autores, que ofrecen un completo percorrido por técnicas e temáticas ata o de agora inexploradas". "Só resta invitarvos a todos para que vos somerxades neste universo gráfico e gocedes dunha proposta que, a bo seguro, non deixará indiferente a ninguén", concluíu.
Pola súa banda, o deputado provincial Albino Vázquez definiu a exposición como unha oportunidade única para "para achegar a todos os veciños unha visión contemporánea e internacional da arte da estampa". Segundo Vázquez, "a través das trinta obras que compoñen a mostra, e grazas á visión de artistas alemáns, arxentinos, búlgaros, franceses, mexicanos e romaneses, o público poderase embarcar nunha apaixonante viaxe na que quedará seducido por un amplo e variado percorrido de cores e trazos de todo tipo".
Neste sentido, Albino Vázquez, afirmou que esta iniciativa enmárcase na política da Deputación da Coruña de "promocionar e achegar a arte e a cultura a todos os recunchos da provincia grazas á colaboración de municipios como este de Ames". No seu discurso, Vázquez incidiu na participación na mostra da artista Ana Soler, gañadora do premio e "un dos principais referentes a nivel nacional". "Agora só queda que os veciños visiten a exposición e descubran todos os secretos que se esconden detrás do mundo da estampa", apuntou.

Exposición itinerante
A mostra do V Premio Internacional de Arte Gráfico Jesús Núñez poderase visitar no Pazo da Peregrina ata o próximo día 22 de marzo, de luns a venres, en horario de 17:00 h a 20:00 horas. Reúne un total de 30 obras seleccionadas entre artistas de máis de 21 países e realizadas en todas as técnicas que nos ofrece a arte gráfica, de tal forma que o seu percorrido é amplo e variado. A exposición foi inaugurada na Fundación CIEC (Centro Internacional da Estampa Contemporánea de Betanzos) e comeza en Ames un itinerario que a levará por outros 8 municipios da provincia da Coruña (Muros, Fisterra, Arzúa, Abegondo, Cabana, Boiro, Brión e Dumbría).
A exposición atópase capitaneada pola obra gañadora Planetas illados 0.0 de Ana Soler, acompañada de dous accésit; a obra D'aprés Romeo -préparation d'une scene tragique- acte I de Julio Almas (Lisboa, Portugal 1972). O outro accésit de Minia Martínez Seijas (Brión, A Coruña, 1983), A Orixe. Este tres obras premiadas veñen acompañadas doutras 27, onde se poden atopar artistas alemáns, arxentinos, búlgaros, franceses, mexicanos, romaneses e, por suposto, de todo o territorio nacional.
Esta exposición enmárcase nas accións que se desenvolven ao abeiro do premio internacional convocado pola Deputación da Coruña co fin de contribuír ao desenvolvemento da arte gráfica e en recoñecemento ao labor realizado pola Fundación CIEC (Centro Internacional da Estampa Contemporánea de Betanzos) e á ampla traxectoria do artista Jesús Núñez, o seu fundador.
Obra de Ana Soler
Ana Soler (Sevilla, 1972), foi a gañadora desta quinta edición do Premio Internacional de Arte Gráfica Jesús Núñez. Ana é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Sevilla, onde se doutorou en 1999 coa Tese Loces e sombras na idea actual de Estampa Orixinal. Desde 2000 é profesora de Técnicas Gráficas na Facultade de BBAA de Pontevedra. Foi Bolsa de Creación Artística na Estranxeiro Unión Fenosa, anos 2005 e 2006, Primeiro Premio da Academia de Belas Artes de Sta. Isabel de Hungría en 1992, Primeiro Premio, XII "Manuel Hernández Homedes", en San Fernando, Primeiro Premio "Aula Militar 93" de Pintura do XXXI Salón Militar de Cádiz, Primeiro Premio, XLIV Certame Nacional de Pintura de Gibraleón en 1995, finalista na 10ª Bienal Internacional de Gravado de Seúl en 1996, Primeiro Premio de Gravado."8 de marzo. Día Internacional das Mulleres", Madrid 1998, Primeiro Premio "Xeración 2001", Gravado. Caixa Madrid en 2000, Premio Nacional de Gravado á mellor obra realizada durante 2000-2001, Calcografía Nacional. Madrid, entre outros moitos premios.




