Pestanas principais

Santi Valladares pasa a formar parte da estrutura deportiva do F.C. Meigas

Xoves, 27 de xuño de 2019

Esta mañá o salón de plenos da Casa do Concello acolleu a presentación de Santi Valladares como novo membro da estrutura deportiva do F.C Meigas. En dito acto estiveron o alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, o adestrador e novo membro da dirección deportiva do F.C. Meigas, Santi Valladares, e maila presidenta do club amesán, Paola Vignolo. Para este club amesán trátase dunha incorporación moi importante xa que se trata dunha persoa que é unha referencia dentro do mundo do fútbol sala.

O Fútbol Club Meigas acaba de pechar a incorporación de Santi Valladares, que pasa a formar parte do seu organigrama dentro do apartado da dirección deportiva. O ex-adestrador do Santiago Futsal xa colaboraba co FC Meigas, pero agora farao de xeito máis directo. Traballará naqueles aspectos e equipos onde sexa necesario desenvolver algún tipo de traballo específico. Ás reas de actuación serán determinadas en colaboración entre o coordinador do club, Diego Montero, e o propio Santi Valladares.

Santi Valladares mostrouse moi satisfeito de pasar a formar parte da estrutura dun “club serio e que traballa tan ben como é o F.C. Meigas”. Dixo que cando lle fixeron a proposta dende o clubs amesán, non tivo que pensalo moito e ao pouco tempo xa lles dou si como resposta. Ademais, quixo agradecer os gabanzas e asegurou que “o único que pretendo é que o Meigas e o Trasgos medren, eu o faga con eles a través do traballo diario. Isto para min é volver aos meus comezos, poñerme ao día e reciclarme para dar todo o que poida aportar”.

Por outra banda, cómpre salientar que o F.C. Meigas incorporou tamén a temporada pasada ao doutor Marque como médico do club. Deste xeito, a estrutura do F.C. Meigas medra coa incorporación de dúas grandes referencias do deporte como son Santi Valladares e o doutor Marque.

Incorporación top para o F.C. Meigas
O alcalde, José Miñones, cualificou esta aposta como “unha gran novidade, pasamos a ter un adestrador top dentro dos clubs de Ames, e sempre é un orgullo contar cos mellores, sobre todo se falamos do deporte feminino. Quero darlle os parabéns ao Meigas e Trasgos por ter acadado este gran logro e desexarlle todo a sorte do mundo”. Ademais, definiu esta fichaxe como “un acerto, posto que con Santi Valladares van dar un salto importante de calidade e vai a ter un gran tirón, tanto para o Meigas como para o Trasgos, porque non é o mesmo que te adestre alguén descoñecido a que o faga alguén como Santi”.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, dixo “alégrome que este club, que mostra un compromiso co deporte feminino e tamén co equipo base dos Trasgos, de este paso importante fichando a Santi. Durante os adestramentos seguro que lles ensinará ás rapazas e rapaces novos conceptos técnicos, pero non só iso, senón que ademais ensinaralles valores como o respecto, o compromiso co deporte ou a constancia, para que se sintan orgullosos e orgullosas do traballo que fan”.

A presidenta do club amesán, Paola Vignolo, destacou “estou moi satisfeita porque este é o resultado dun traballo ben feito, sempre coa colaboración do Concello de Ames. Para min é un orgullo dicir que Santi está traballando con nós, porque sei que a nivel de formación da base e dos/as nosos/as técnicos/as vai a ser un salto enorme, que posibilitará que os clubs e o concello de Ames academos unha categoría que nos merecemos, sempre a través do traballo e o compromiso coa calidade”.

5 equipos e arredor de 60 xogadoras
O Fútbol Club Meigas foi posto en marcha no ano 2004. O obxectivo deste club dende a súa fundación foi ofrecer ás xogadoras do concello a posibilidade de practicar fútbol sala, formar unha canteira de xogadoras, e que pouco a pouco sexan estas xogadoras as que fagan crecer o club. Dende a súa posta en marcha, o club foi aumentando o número de equipos e de participantes ata chegar actualmente a estar composto de 5 equipos e arredor de 60 xogadoras. Ademais, o club puxo en marcha as Escolas de Fútbol Sala Trasgos nas que se dá cabida a todos aqueles rapaces que queren practicar este deporte.

Por outra banda, o Fútbol Club Meigas encárgase de impartir as escolas deportivas municipais de fútbol sala feminino. Para obter máis información podes chamar ao número de teléfono 670 518 120, enviar un correo electrónico ao enderezo fcmeigas@gmail.com, entrar na páxina web www.fcmeigas.com ou consultar o seu Facebook.

Ligazóns:

Compostela 24 horas: "Santi Valladares entra con forza no F.C. Meigas"

El Correo Gallego: "Santi Valladares, con el FC Meigas"

Presentación de Santi Valladares

Multimedia

  • Presentación de Santi Valladares
  • Presentación de Santi Valladares
  • Presentación de Santi Valladares
  • Adestramento impartido por Santi Valladares