[04-11-2016] A asociación amesá de montañismo e sendeirismo Rutas a Pie prepara este sábado unha saída dun día á costa naviega, na veciña Asturias. Un autobús sairá de Santiago de Compostela en torno as 7:00 horas. A ruta percorre, dende a desembocadura do río Barayo, un sendeiro paralelo á costa. O prezo de inscrición é de 12 euros e de 15 euros para as persoas non federadas.
Esta fin de semana Rutas a Pie ofrece ás persoas amantes do sendeirismo unha nova saída. O destino nesta ocasión é a costa naviega, na comunidade asturiana. Unha ruta de 17, 9 quilómetros de percorrido, con pouco desnivel e de fácil percorrido. O camiño discorre paralelo ao mar, entra as praias de Barayo e Navia.
O sendeiro permite a visita a paraxes excepcionais como reserva natural parcial de Barayo, que conta cun valioso ecosistema natural e animal que resiste a día de hoxe ante a especulación urbanística. Ademais a ruta pasa pola vila pesqueira de Porto de Vega, declarada Pobo Exemplar polo Principado de Asturias e que conserva o seu porto e a súa lonxa de principios do século XX, así como os miradoiros da Riva e da Atalaia. Os 17,9 quilómetros transcorren tamén por outras praias como a de Llosera, Coedo, Moro e a praia de Veigas. O grupo atopará ademais os restos arqueolóxicos construídos polos antigos habitantes desta área: o castro de Vigo, o castiel de Soirana e o castro de Fabal.
Para inscribirse nesta ruta é necesario chamar ao teléfono 628287957 ou ao 675680159 ou enviar un correo electrónico ao enderezo clubrutasapie@gmail.com. O prezo de inscrición, que inclúe o traxecto de ida e volta en autobús, é de 12 euros e de 15 euros para persoas non federadas. O número de conta para realizar o ingreso é o ES242080 0372 8130 4001 5367.
Excursión a Folgoso do Courel e Festa da Pisa da Castaña
Outra das saídas que prepara Rutas a Pie terá lugar a segunda fin de semana de decembro. Desta volta o destino é Folgoso do Courel, onde os días sábado 10 e domingo 11 se percorrerán sendas rutas. A do domingo coincidirá coa celebración en Frouxán da Festa da Pisa da Castaña, onde se parará para o xantar. O prezo da viaxe é de 80 euros e de 85 para persoas non federadas. Pódese consultar información ou realizar a inscrición nos mesmos teléfonos e correo electrónico que para a ruta da costa naviega.




