Pestanas principais

Saen a concurso as obras de ampliación do pavillón polideportivo de Bertamiráns

Sábado, 28 de novembro de 2020

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de contratación, mediante procedemento aberto simplificado, das obras de ampliación do pavillón polideportivo municipal de Bertamiráns por valor de 499.997,57 euros (IVE incluído). A actuación está prevista no orzamento municipal de 2020. Estas obras sumaranse ao proxecto xa executado de ampliación do pavillón de Bertamiráns, que conta cun anexo dotado dunha nova sala de ximnasio e unha pista de squash cuberta, así como á construción na área deportiva de Bertamiráns dunha pista de pádel, unha pista de baloncesto e duns novos vestiarios no pavillón.

O contrato ten por obxecto ás obras de ampliación do actual pavillón polideportivo de Bertamiráns, cun novo módulo na súa ala sur. Este novo espazo atenderá, preferentemente, ás actividades de voleibol e baloncesto. Preséntase como unha prolongación ou anexo do actual, de tal forma que o lado curto do pavillón se convertería no lado longo do novo.

Con esta ampliación preténdese acadar varios obxectivos. Por unha banda, atenderase a numerosa demanda de actividade de voleibol, patinaxe e baloncesto. Ademais reformula e adapta a deficiente proporción actual do edificio. E, por último, reurbaniza e reordena o entorno inmediato, resolvendo os problemas de circulación no aparcadoiro.

O proxecto técnico da obra foi redactado por Salgado e Liñares arquitectos. O prazo máximo de execución das obras é de 6 meses salvo que por circunstancias sobrevidas, imprevistas, ou calquera outra que poida xurdir durante a execución do mesmo se acorde polo órgano de contratación a concesión dunha prórroga. Esta prórroga deberá xustificarse motivadamente.

Condicións especiais de execución
Co fin de dar cumprimento ás esixencias sociais na contratación pública, inclúese a condición de que os adxudicatarios deberán contratar unha muller desempregada a xornada completa. Tamén se deberá dar cumprimento á normativa sectorial de protección de datos de carácter persoal, tanto estatal como europea.

Para a concelleira de Deportes, Susana Señorís, facer investimentos en instalacións deportivas é moi necesario: “Temos un gran número de usuarios e usuarias das instalacións deportivas do Concello. Esta ampliación vai a facilitar moito a práctica do deporte en xeral e dalgunhas disciplinas en particular porque deste xeito as actividades poderán repartirse mellor entre as distintas instalacións coas que contamos”.

Novas relacionadas:

El Correo Galego: "Sae a concurso a ampliación do pavillón de Bertamiráns"

Saen a concurso as obras de ampliación do pavillón polideportivo de Bertamiráns