Pestanas principais

Sábado entre libros e música en Bertamiráns

Venres, 22 de abril de 2016

[22-04-2016] Os libros saen mañá, sábado 23, á rúa para instalarse na praza do Concello de Bertamiráns. En distintos postos agardarán á veciñanza, á que convidan a sumarse a unha celebración do Día do Libro na que eles, o libros lidos, intercambiados, emprestados, son os protagonistas. Eles e a música que os acompañará durante a tarde da man de Tiberevi e da artista Lydia Botana. Ás 17:00 horas ás persoas gañadoras do XII Certame Literario de Ames lerán fragmentos do libro nado da recompilación das súas obras. O escritor Manuel Núñez Singala pecha a programación coa presentación da súa última novela Camiños na auga.

O 23 de abril é unha data sinalada pola morte de dous dos escritores, Miguel de Cervantes e William Shakespeare, cuxa pegada na literatura sigue presente nos nosos días, cuxas obras foron lidas, reproducidas e interpretadas en países de todo o globo. A conmemoración do pasamento do primeiro motiva, nos anos 20, o comezo da celebración do Día do Libro no estado español.

A festividade converteuse nun acontecemento internacional no ano 1995, cando a UNESCO declaraba o 23 de abril oficialmente como o Día Mundial do Libro. Cervantes está presente de forma especial este ano, ao celebrarse o 400 aniversario da morte do considerado o máximo expoñente da literatura en castelán. Un recuncho da praza do Concello de Bertamiráns adicarase á figura do escritor, á súa vida e á súa obra.

Tiberevi porá a música despois da presentación en sociedade do libro do XII Certame Literario de Ames. Media hora despois, ás 17:30 horas, comezará na praza un obradoiro de colgadores de portas, no que os participantes debuxarán e decorarán os colgadores, deseñados para advertir ás persoas que queiran entrar nun cuarto para que non interrompan un momento de lectura. O obradoiro prolongarase ata ás 19:00 horas, momento no que a artista Lydia Botana poralle banda sonora á praza do Concello co seu espectáculo musical, pensado para toda a familia.

Despois dos últimos pases de música, o escritor Manuel Núñez Singala despedirá a tarde de literatura coa presentación da novela Camiños na auga, unha obra sobre as diferenzas e a busca da identidade ambientada na África pos-colonial. Un posto estará toda a tarde a disposición do público para o intercambio de libros, e varias librerías instalaranse na praza do Concello.

Contido relacionado


El Correo Gallego:"Música y literatura honraron a Cervantes en Bertamiráns"
La Voz de Galicia:"La praza do Concello acoge la Feria de libros, trueque, talleres y música"