Pestanas principais

Rutasapie organiza a charla “Dereito e Montaña” impartida este venres polo avogado Alejandro López

Mércores, 28 de setembro de 2016

[28-09-2016] A asociación amesá Rutasapie organizou, en colaboración co Concello de Ames, para este venres, 30 de setembro, a charla “Dereito e Montaña”, que será impartida ás 20:30 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. O avogado Alejandro López abordará as responsabilidades legais que implica a organización dunha actividade no medio natural como é o sendeirismo ou o montañismo. Trátase dunha actividade que é gratuíta. Ademais da charla proxectarase a curtametraxe “Soñando con montañas”, que recolle as viaxes feitas polo propio Alejandro López. Para inscribirse é preciso enviar un correo electrónico ao enderezo clubrutasapie@gmail.com ou chamar aos teléfonos 628 287 957 ou 675 680 159. Dende a asociación pregan ás persoas interesadas que confirmen a súa asistencia.

O avogado especialista en dereito deportivo e dereito de montaña, Alejandro López, impartirá unha charla este venres, 30 de setembro, na Casa da Cultura do Milladoiro, sobre a organización dunha actividade no medio natural como é o sendeirismo ou o montañismo. López é ademais o autor do libro “Dueños de la roca” e membro da xunta directiva da Asociación Galega de Dereito Deportivo. A charla foi organizada polo club amesán de sendeirismo e montañismo, Rutasapie, en colaboración co Concello de Ames.

Na súa intervención Alejandro López abordará diversas cuestións, entre elas: “Cal é a túa responsabilidade cando practicas escalada, montañismo ou sendeirismo, cando equipas unha vía ou cando guías a alguén en montaña?”, “Cóbranse os rescates?”, “Que seguro é preciso” ou “Necesito autorizacións en zonas protexidas”. Dúbidas útiles para toda aquela persoa amante destes deportes á hora de organizar unha saída.

Ademais, abordará a conveniencia “de estar federado, os seguros e pólizas ou as responsabilidades dos clubs”. A charla complementarase coa proxección da curtametraxe “Soñando con montañas”, un percorrido de vinte minutos por distintos viaxes protagonizados polo propio avogado. A medida que avanza a proxección López fiará as escenas “cos aspectos xurídicos do mundo da montaña”.

Saída ao parque natural da serra de Cazorla
Por outra banda, a asociación amesá de sendeirismo e montañismo “Rutasapie” levará a cabo unha nova saída a finais do mes de outubro e comezos do mes de novembro, cuxa inscrición permanece aberta. O destino desta saída é o parque natural das serras de Cazorla, Segura e As Vilas, na provincia de Xaén. Para os días 29, 30 e 31 de outubro, así como para o 1 de novembro, que coinciden coa ponte de Todos os Santos, a asociación preparou tres rutas distintas, de dificultade leve a moderada, por distintos recunchos destas serras declaradas Reserva da Biosfera pola UNESCO. O prezo xeral de inscrición é de 239 euros, mentres que o custo para as persoas federadas é de 230 euros.

O prezo da matrícula inclúe non só o transporte en autobús senón tamén o aloxamento no Hotel Los Enebros, situado na Iruela, en plena serra de Cazorla. A estancia inclúe os almorzos e as ceas no hotel. Aquelas persoas interesadas en inscribirse nesta saída, ou en solicitar máis información, pódeno facer a través do Facebook, enviado un correo electrónico ao enderezo clubrutasapie@gmail.com ou chamando aos números 628 287 957 ou 675 680 159.