Pestanas principais

Rutas a Pie comezará o 2017 coa ruta do Pai Sarmiento

Venres, 11 de novembro de 2016

[11-11-2016] A comezos do vindeiro ano a asociación amesá de sendeirismo Rutas a Pie pon en marcha unha ruta de varias etapas: o camiño que sigue, dende Pontevedra e até Galicia, os pasos de Martín Sarmiento. Os 190 quilómetros deste percorrido dividiranse en nove etapas, que se realizarán entre o 14 de xaneiro e o 22 de abril. A inscrición para participar xa se pode facer enviando un correo ao enderezo clubrutasapie@gmail.com ou chamando ao 628287957 ou ao 675680159.

A Mancomunidade do Salnés comezou a promocionar este ano unha ruta que seguía a peregrinación s Santiago de Compostela de Frei Martín Sarmiento no século XVIII. Xa acondicionada e ben sinalizada a ruta está lista e agardando polos primeiros camiñantes. A comezos do 2017 a asociación amesá Rutas a Pie ofrece aos amantes do sendeirismo a oportunidade de percorrela. Os seus propios membros a percorreron xa e levan tempo en contacto tanto coa Mancomunidade do Salnés como con outras institucións e organizacións, informándose e organizando esta saída. O 14 de febreiro farase a primeira etapa, que discorre entre Pontevedra e Sanxenxo. A chegada a Santiago está fixada no día 22 de abril.

En total os pasos do frade, recollidos no seu libro Viaxe a Galicia, dividíronse en nove etapas de un día. A segunda, que se realizará o 28 de xaneiro, o grupo partirá de Sanxenxo para chegar ao Grove. O 4 de febreiro farase a terceira parte do trazado, unha ruta circular polo Grove. O 18 de febreiro deixarase atrás o Grove para chegar a Cambados, de onde se sairá o día 4 de marzo en dirección á Illa de Arousa. O 18 de marzo a etapa une a illa con Vilanova de Arousa. As tres últimas etapas terán lugar os días 25 de marzo, no que se camiñará dende Vilanova de Arousa até Carril, o 1 de abril, no que se rematará en Padrón, e o 22 de abril, coa chegada á capital de Galicia.

Dende a propia Rutas a Pie explican que un dos obxectivos destas saídas, ademais de descubrir as paisaxes costeiras, é visitar os monumentos naturais e patrimoniais que ofrece este camiño. Tamén bodegas, numerosas nesta zona famosa polos seus caldos, e desfrutar da gastronomía local. “A nosa intención é ir en autocar até o punto de partida e facer visitas unha vez cheguemos ao destino”, explica o seu presidente Augusto Blanco. Engade que o camiño coincide con numerosos puntos de interese e que ofrece “moitos recursos turísticos” para enriquecer as viaxes.

A inscrición nesta ruta xa está aberta, xa que a súa lonxitude e trazado precisan de moito traballo e organización previa. O prezo é de 115 euros para persoas federadas; a pagar en dous prazos, un de 70 euros co 13 de xaneiro como data límite, e outro de 45 euros a ingresar antes do 15 de febreiro. Para as persoas non federadas o custe é de 142 euros; pagándose así mesmo de xeito fraccionado, coas mesmas datas límites que no caso anterior: 87 euros no primeiro pago e 55 euros no segundo. “Parécenos máis interesante para o público que fagan a ruta enteira, porque a experiencia é máis interesante e enriquecedora”, sinala Augusto. “Dende a propia Mancomunidade nos explicaron que eramos o primeiro grupo en organizar esta ruta”, engade. Dende o Concelo de Ames queren felicitar e agradecer “o traballo que está a facer o club de Rutas a Pie".