Pestanas principais

A ruta nocturna en kaiak polas Fervenzas do Ézaro trasládase o 12 de agosto

Xoves, 28 de xullo de 2016

[28-07-2016] A concellaría de Mocidade, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil, informa de que a ruta nocturna en kaiak polas Fervenzas do Ézaro, prevista para este venres, 29 de xullo, trasládase ao venres 12 e agosto, pola previsión de forte vento que impide o desenvolvemento desta actividade con total seguridade para os participantes. Esta ruta levarase a cabo, sempre e cando, se reúna un grupo mínimo de 22 persoas.

A ruta nocturna en kaiak polas Fervenzas do Ézaro tivo un gran éxito entre a veciñanza amesá. Un total de 44 persoas están inscritas para esta actividade que organiza a concellaría de Mocidade e que estaba prevista para este venres 29 de xullo. Finalmente, haberá que agardar para levar cabo esta ruta, xa que as previsións meteorolóxicas apuntan a que este venres vai a soprar o nordés con gran intensidade o que impide o desenvolvemento desta actividade con total seguridade para os participantes.

Debido a iso, dende a OMIX estanlle propoñendo ás persoas inscritas realizar a ruta o venres, 12 de agosto. Esta ruta levarase a cabo, sempre e cando, se reúna un grupo mínimo de 22 persoas. A pesar deste cambio dende a concellaría de Mocidade son optimistas de cara a poder realizar a actividade o próximo mes.

No caso de que haxa dous grupos de 22 persoas, ás 23:00h comezará a ruta do primeiro grupo. A continuación, ás 00:30h realizarase a ruta do segundo grupo (no caso que fose necesario). Cómpre lembrar que para participar nesta actividade hai que ter 16 ou máis anos e saber nadar. Tamén poden participar os mozos/as de 12 a 16 anos, sempre que estean acompañados/as dun adulto/a. Os participantes deberán ir provistos de roupa cómoda, un cortavento ou chaqueta de auga, traxe de baño, toalla e escarpíns ou calzado deportivo (tenis) que se poidan mollar. O resto do equipo será facilitado pola empresa encargada desta actividade.