[18-12-2015] A compañía Trompicallo leva case vinte anos dándolle vida a diferentes historias empregando os monicreques. Desta volta, o día luns 21 de decembro, ás 17:00 horas, presentan na Casa da Cultura do Milladoiro un conto ben coñecido para todos os públicos: a historia de Rumpelstikin, o anano saltarín.
O espectáculo nace da colaboración de Trompicallo con outra compañía, a Kalina Teatro, buscando adaptar de xeito orixinal esta historia da tradición oral recollida no seu momento polos irmáns Grimm. Rumpelstikin conta as desventuras dunha rapaza que se atopa ante unha tarefa imposible: converter, para o rei do seu país, unha morea de palla en fíos de ouro. Unha visita inesperada ofreceralle axuda á rapaza para cumprir os desexos, cada vez máis cobizosos, do monarca. Un anano saltarín que, sen revelar o seu nome á moza, ofrécese a levar a cabo a transformación de palla en ouro a cambio de favores cada vez máis temibles.
Este conto fálalles aos nenos e nenas da pobreza e da riqueza, da falta de comunicación entre os máis ricos e aqueles que menos teñen, pero tamén do que sucede cando alguén toma as rendas das nosas vidas e da perda da liberdade. Trompicallo consegue, cos seus monicreques e con sombras chinesas, relatar a historia de Rumpestikin de xeito divertido e entretido para os pequenos.
A obra está indicada para público infantil e xuvenil. As entradas para asistir a esta función teñen un prezo de 4 euros para os maiores de 12 anos. Haberá un desconto do 50 por cento para os menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos.
Contido relacionado

El Correo Gallego:"Festivais infantís para A Maía e representación do anano Rupelstikin mañá"
La Voz de Galicia:"Ames, Vedra, Arzúa y Santiago ya viven la Navidad"




