Pestanas principais

As rúas do Milladoiro enchéronse de cor, música e animación coa Festa do Entroido

Luns, 20 de febreiro de 2012

[20-02-2012] Os veciños e veciñas de Ames botáronse ás rúas para celebrar as festas do Entroido como manda a tradición e gozar das charangas, dos produtos típicos destas datas -orellas e filloas- e do elemento central das festas: os disfraces. Centos de rapaces e rapazas desfilaron detrás das charangas coas súas orixinais roupaxes e maquillaxes varias, gozando por un día do pracer de esconderse detrás dunha careta, reconverténdose na súa personaxe favorita. Este ano por primeira vez o Concello de Ames organizou un concurso-degustación de receitas de Entroido ademais dun concurso de disfraces, no que se repartiron 2.650 euros en premios. A celebración do Entroido amiense centralizouse nunha carpa instalada no aparcadoiro da rúa Agro do Medio, no Milladoiro. Varios concelleiros/as do goberno municipal e dos grupos da oposición participaron na Festa de Entroido.


Concurso-degustación de receitas típicas do entroido

Por outra banda, ás 17:30 horas, comezou o concurso degustación de receitas típicas do Entroido. Primeiro realizouse a presentación dos pratos elaborados polos participantes no concurso gastronómico. No concurso gastronómico de receitas típicas do Entroido presentáronse cinco receitas doces e cinco salgadas. Os participantes foron dúas persoas particulares, a Asociación Lentura, a Cafetería da Casa da Cultura do Milladoiro, a panadería O Milladoiro e o Restaurante Ponte Maceira. As receitas presentadas tiveron que ser obrigatoriamente típicas do Entroido.

Houbo dúas modalidades: salgadas e doces. Na categoría de receitas salgadas o primeiro premio foi para Arepas Tropicais de Marisol Fialli, da cafetería da Casa da Cultura do Milladoiro, o segundo recaeu en José Gaspar do Restaurante Pontemaceira, que preparou un Lacón recheo, e o terceiro foi para as Filloas do cocido, preparadas por Ana Coto Souto. Mentres que na categoría de receitas doces gañou Mamen Rivera coas Tortiñas de rixóns. O segundo premio recaeu en Marisol Fialli, da Cafetería da Casa da Cultura do Milladoiro, que preparou o Pan de xamón, e o terceiro foi para as Orellas de Entroido, de Amancio Mosquera da Panadería O Milladoiro. Os primeiros premios tanto para pratos doces coma para salgados foron de 400 euros, os segundos ascenderon a 250 euros e os terceiros foron de 150 euros.


O Concello de Ames preparou para este ano un Entroido sen precedentes, aberto e participativo. As concellerías de Cultura, Educación e Patrimonio e de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo organizaron unha Festa do Entroido na que, se celebrou, por primeira vez, un concurso-degustación de receitas de Entroido ademais dun concurso de disfraces. Deste xeito, o Concello de Ames deu un paso adiante na súa firme aposta por revitalizar e consolidar esta celebración, atendendo os cambios pobocionais rexistrados no municipio nos últimos anos e en consonancia coa gran tradición do Entroido en Galicia.

A resposta da cidadanía amiense non puido ser mellor xa que as rúas do Milladoiro enchéronse de cor, música e animación. Moitos veciños e veciñas acudiron disfrazados ata a carpa que estivo instalada no aparcadoiro da rúa Agro do Medio. Ademais, centos de rapaces e rapazas desfilaron detrás das charangas coas súas orixinais roupaxes e maquillaxes varias, gozando por un día do pracer de esconderse detrás dunha careta, reconverténdose na súa personaxe favorita. A animación comezou ás 17:30 horas coa actuación da Charanga "Vaite xa", que percorreu as rúas do centro do Milladoiro. Arredor das 18:00 horas a charanga chegou a carpa, que estivo instalada no aparcadoiro da rúa Agro do Medio, para ir animando á veciñanza mentres non empezou a música da exhibición de disfraces.

Concurso de disfraces

A partir das 18:30 horas comezaron as exhibicións e o desfile diante do xurado dos participantes no concurso de disfraces. Cada comparsa tivo que levar a súa propia música, pero aquelas que non tiñan música desfilaron ao ritmo da música que lle puxo a organización. Trala exhibición de disfraces comezou o desfile que percorreu as rúas do Milladoiro ao ritmo da charanga "Vaite xa". O desfile pasou polas rúas Agro do Medio, Rúa de Abaixo, Raxoeira, Anxeriz e Curuxa, para volver á carpa que estivo instalada na rúa Agro do Medio.

Os gañadores do concurso de disfraces foron os seguintes. Na categoría infantil gañou o clon Star Wars formado por Álvaro e Guillermo Güimil Fuentes de Bertamiráns, que recibiron un premio de 100 euros. Na categoría individual a gañadora foi A Bolboreta, Lucia Rey Gulias de Laraño, que foi premiada cun vale de 150 euros. Na categoría de grupo gañou o grupo Fíos de Outes, que obtivo un premio de 300 euros, e na categoría de comparsas o premio de 500 euros foi para a comparsa Ritual Budú.


Os gañadores do concurso de disfraces e do concurso-degustación poderán trocar os seus vales de compras nos establecementos comerciais asociados á Asociación de Comerciantes de Bertamiráns (ACB), á Asociación de Empresarios e Comerciantes do Milladoiro (AEMI), á Asociación Palmira-Boulevard do Milladoiro e á Asociación Parque Empresarial Novo Milladoiro durante os tres meses seguintes ao concurso.

Arredor das 20:30 horas, comezou a actuación da orquestra "Super Fama". Ademais, os participantes puideron degustar as filloas que elaborou a Asociación Lentura.