[15-05-2015] A Asociación Cultural A Mahía, que preside Dolores Bra, organiza a romaría de San Isidro, que se celebrará o vindeiro domingo, 17 de maio, no campo da festa de Bugallido.
Pola mañá haberá campionato de chave masculino e, ás 13 horas, misa na igrexa parroquial na honra do santo e coa participación da Coral de Bugallido. Logo celebrarase a procesión, acompañada polo grupo de música tradicional Os Castros. A continuación farase o reparto de callos e empanada, aínda que tamén haberá postos de polbo.
Pola tarde, celebrarase un certame de baile galego, no que participarán o grupo Follas Novas, as Pandereteiras de Bugallido e, de novo, Os Castros. A festa complétase coa animación dunha charanga de Negreira. Feliz romaría!