Pestanas principais

A Roda actúa o sábado 1 de agosto na explanada da Casa da Cultura do Milladoiro

Xoves, 30 de xullo de 2020

O grupo de música tradicional “A roda” actúa este sábado na Explanada da Casa de Cultura de O Milladoiro ás 10:30 da noite. Preto de medio século sobre os escenarios, 16 traballos editados, xiras por toda Europa e América, premios como o da “Crítica de Galicia” e recoñecementos como A “Medalla Castelao”, avalían a traxectoria deste grupo que representa coma ningún outro o canto de taberna en Galicia. A actuación, patrocinada pola Deputación Provincial de A Coruña, forma parte das actividades organizadas no municipio a través do programa de fomento da economía e a cultura “AmesON”.

Quen de xolda non cantou algunha vez o"E Pousa, pousa", o"Heche  un andar miudiño" ou "O gato"? Se alguén no noso país define á perfección o que é o canto de taberna, ese é o grupo A Roda. É non é casualidade que sexa así pois os seus membros antes que compañeiros de escenario eran amigos que adoitaban a cantar xuntos polas tabernas do barrio vigués de Teis. O seu primeiro disco, editado no ano 1977, foi éxito de ventas e acadou o Premio da Crítica en Galicia. Nos anos vindeiros, gravaron outros dous discos “Falemos Galego” e “Pra os amigos”, percorreron Galicia de palco en palco e visitaron unha boa parte dos centros galegos de Europa e América.

Teñen 16 discos editados, entre os que destacan “Os mariñeiros”, no que aparece a retranqueira canción "Os bistéqueles", “Eu teño un compadre”, que significou un punto de inflexión na formación ao incluír no traballo temas propios como"A gaivota" e versións de textos literarios como "Eu teño un compadre", de Fermín Bouza Brey . En 1993 aparece o seu primeiro compilatorio, “A Roda rodando”  e en 1994a antoloxía “Lembranzas”.

No 1996 editan “Na branca noite”, como homenaxe ao xénero das panxoliñas no conxunto do cancioneiro popular galego. Nos anos posteriores o grupo pública: “Onde Galicia é Portugal”, “Aí o ven”, “O son do camiño” e “A Roda alalá adora”.O seu último traballo, publicado no ano 2014 leva por título “outra volta de roda”.
A traxectoria da Roda está avaliada por premios tan importantes como o Premio da Crítica de Galicia (1978), A vieira de Plata da “Orden de la Vieira” ao mellor conxunto da canción popular galega, o premio á traxectoria Profesional que otorga o programa da TVG “Luar”, a Huaca de Oro de Panamá e a Medalla Castelao que o grupo recibiu este mesmo ano. A Huaca de Oro en Panamá.

Novas relacionadas:

Revista AmsGo: "O son de ‘A Roda’ chega o sábado ao Milladoiro"

A Roda estará no Milladoiro o sábado, 1 de agosto