[08-03-2016] A Gramola Gominola volta a Ames, facendo parada desta vez en Bertamiráns. O grupo invita ao público infantil amesán a achegarse coas súas familias ao auditorio da Casa da Cultura desta localidade, ás 18:30 horas, para asistir ao seu espectáculo musical. As entradas xa se poden adquirir na Billeteira electrónica municipal, a un custo de 4 euros a xeral e 2 euros a reducida.
Paula Romero (voz), Ro Muñoz (batería) Anxelo de Xermar (baixo) e Paco Cerdeira (guitarra) xuntáronse xa fai un tempo para argallar un grupo de música rock pensado para o público máis pequeno. A idea partía do guitarrista Paco Cerdeira, integrante do grupo de rock Zenzar, que xa comprobara daquela os beneficios que a música, xa sexa facendo música ou bailando con ela, tiña sobre os nenos e nenas.
A Gramola Gominola buscou tamén darlle unha volta á música que se producía habitualmente pensando en pequenos, preguntándose os seus integrantes "por que non facer corear a un grupo de nenas e nenas o Hey, Ho, let's go?". Os catro chegan, pois, a Ames animando ás familias a participar desta experiencia: un concerto dinámico, moi participativo e divertido cun trasfondo didáctico.
As entradas para o concerto pódense adquirir na Billeteira electrónica, á que se pode acceder a través do banner da web municipal. O prezo das entradas é de 4 euros, cunha redución do 50% para menores de 12 anos, maiores de 65 e estudantes. As entradas pódense adquirir tamén na billeteira da Casa da Cultura de Bertamiráns unha hora antes de que comece o espectáculo. Cada persoa pode mercar un máximo de catro entradas.




