[16-02-2016] O pasado venres, 12 de febreiro, o alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, reuníronse co Secretario Xeral da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Oitavén, para analizar as necesidades educativas da comunidade escolar amesá e achegarlle unha serie de peticións en representación do Concello. Desta reunión deron conta este luns, 15 de xaneiro, nunha xuntanza na que tiveron representación ANPAS, direccións de centros públicos, inspección e os grupos políticos amesán. Trala xuntanza David Santomil mostrouse satisfeito "xa que por primeira vez neste concello conseguimos reunir a toda a comunidade educativa para buscar solucións a curto e medio prazo".
Na reunión do venres alcalde, concelleiro e Secretario Xeral analizaron de forma conxunta as necesidades educativas de Ames para o próximo curso escolar. Santomil introduciu ademais o esquema de traballo do mapa escolar que está a levar a cabo a Universidade de Santiago de Compostela. Esta mesma semana comezaron a realizarse enquisas nos centros escolares aos responsables, pais, nais e titores, do estudantado amesán. O padrón municipal está a ser estudado para obter os datos demográficos da poboación amesá e as áreas de influencia dos centros.
Xa de xeito particular abordouse na xuntanza coa Consellería a necesidade de ampliar o número de prazas do CEIP Agro do Muíño e do IES de Ames, ambos situados en Bertamiráns, nos que se prevé un incremento no número de matrículas para o vindeiro curso escolar. Afondouse tamén no compromiso adoptado pola Xunta de Galicia de dotar dun novo espazo ao CEIP de Barouta para ser empregado como comedor escolar, recuperando así a aula de usos múltiples no que na actualidade dispénsase ese servizo. Por último o alcalde e o concelleiro trasladaron ao Secretario Xeral a necesidade de formalizar un convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello de Ames para solucionar as filtracións de auga que sofre Escola Infantil do Milladoiro e de proceder á instalación do parque de xogo, pendente dende o ano 2007 no que se inaugurou a escola.
O goberno municipal busca levar ao próximo pleno ordinario o regulamento do Consello Escolar Municipal
O salón de plenos da Casa do Concello acolleu, ás 18:00 horas da tarde, do luns 15 de febreiro, a xuntanza do goberno municipal coa comunidade educativa. Na reunión participaron ANPAS, direccións dos centros escolares amesáns, o alcalde José Miñones e representantes de todos os grupos políticos da corporación. O primeiro punto da orde do día a tratar foi a redacción do regulamento do Consello Escolar Municipal, que o goberno prevé levar ao vindeiro pleno ordinario do mes de marzo e que conta xa cun amplo consenso. O concelleiro de Educación agradeceu a asistencia e a achega de suxerencias e afirmou que "imos en bo camiño grazas á colaboración institucional e a participación de todos e todas".
Na reunión analizouse tamén a necesidade de ampliación e construción de novos centros escolares. O goberno municipal comprometeuse a iniciar a elaboración dun estudo urbanístico para estudar as posibles parcelas dispoñibles en Bertamiráns e no Milladoiro, tralo cal se solicitaría á Xunta de Galicia a aprobación para a edificación de novas infraestruturas educativas. Ao remate da xuntanza, David Santomil, declarou que "o tempo de poñer "parches rematou , agora corresponde planificar conxuntamente as necesidades no ámbito educativo".
Contido relacionado
El Correo Gallego:"Piden más espacio y plazas a la Xunta por la matrícula en Bertamiráns y Barouta"
La Voz de Galicia:"Ames plantea a Educación la urgencia de ampliar sus centros escolares públicos"




