Pestanas principais

Reúnese a Mesa Local de Comercio

Venres, 12 de febreiro de 2016

[12-02-2016] Onte celebrouse a primeira xuntanza da Mesa Local de Comercio do actual mandato. Houbo reunións de traballo anteriores cos comerciantes e profesionais do municipio, pero esta é a primeira vez que se convoca este órgano dende que se produciu o cambio de goberno. Este encontro serviu para dar conta das novas persoas que compoñen a Mesa Local de Comercio e para presentar a convocatoria da subvención ao comercio local correspondente ao exercicio 2015. Por último, houbo tempo para atender as propostas, rogos e preguntas dos axentes implicados na Mesa Local de Comercio.

A Mesa Local de Comercio estivo presidida polo alcalde de Ames, José Miñones. Tamén asistiron Conchi Vilas, actuando como secretaria deste órgano, Isabel González, concelleira de Promoción Económica, Blas García, concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Jorge Couñago, axente de emprego e desenvolvemento local do Concello de Ames, Sonia Moure, técnica municipal de turismo do Concello de Ames, Jesús Saenz-Díez, xefe de servizo da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia, e Óscar Porral, representante da Unión de Consumidores de Galicia.

Por parte das asociacións de profesionais e comerciantes do concello asistiron Pablo Suárez, presidente da Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, Salomé Blanco, representante da Asociación de Empresarios Novo Milladoiro, José Manuel Fernández, presidente da Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira Bulebar, Jorge Capeáns, tesoureiro da Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro.

Convocatoria de axudas ao comercio local
O terceiro punto que se tratou na Mesa Local de Comercio foi a aprobación da convocatoria da subvención ao comercio local do concello de Ames correspondente á anualidade 2015, posto que o ano pasado quedou sen convocar. Esta liña de axudas está dotada con 25.000 euros, que se reparte en dous capítulos. A primeira partida, destinada á promoción comercial, conta con 19.000 euros, mentres que a segunda partida estará destinada a infraestruturas e equipamentos e disporá de 6.000 euros.

A través desta liña de axudas a concellaría de Promoción Económica pretende mellorar a calidade da actividade comercial do concello, promover a realización de actividades de promoción e dinamización do comercio estable, así como atraer, e reter, á maior clientela posible.


Contido relacionado


El Correo Gallego:"Reúnen a la mesa amiense de comercio y convocan ayudas por 25.000 euros"
La Voz de Galicia:"La Mesa de Comercio de Ames analiza las ayudas al sector"