Pestanas principais

Reúnese a comisión do ciclo integral da auga para buscar unha fórmula de xestión pública

Martes, 04 de agosto de 2015

[04-08-2015] O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a primeira xuntanza da nova comisión do ciclo integral da auga, que comezou a traballar para buscar unha fórmula de xestión concreta e que, se é posible, sexa pública. O goberno municipal vai presentar unha proposta para sacar a concurso este servizo por un período de dous anos, máis un e un de prórroga se é preciso, mentres se realizan os estudos necesarios para municipalizar o devandito servizo. Ademais, o Concello vaise poñer en contacto co grupo Tragsa para ver a posibilidade de encargarlle unha encomenda de xestión coa finalidade de xestionar este servizo ata a nova licitación. Nesta xuntanza participaron o alcalde, os voceiros dos grupos municipais con representación na corporación municipal, e os técnicos do Concello.

Nesta primeira xuntanza acordouse que o Concello se poña en contacto co grupo Tragsa, para ver a posibilidade de que se lle encargue unha encomenda de xestión coa finalidade xestionar o ciclo integral da auga ata a nova licitación. Ademais, dende o goberno municipal vaise realizar unha proposta que consiste en sacar a concurso o servizo do ciclo integral da auga por un período de dous anos, máis un e un de prórroga se é preciso, mentres se realizan os estudos necesarios para municipalizar o devandito servizo. O obxectivo inicial do goberno municipal é municipalizar este servizo, sempre e cando os estudios dos técnicos avalen esta fórmula de xestión.

Segundo explica o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, a idea do goberno municipal é que “durante o segundo ano de contrato da nova empresa adxudicataria do servizo, o Concello vaia facendo todos os trámites e preparándose para municipalizar o devandito servizo. Ademais, se é posible, pretendemos que este novo proceso de licitación sexa adxudicado a unha empresa pública”.

Por outra banda, no momento no que finalice o contrato coa actual concesionaria do servizo, que é a UTE Acciona Agua Espina Servicios, vaise decretar o estado de emerxencia para que se siga prestando o devandito servizo ata o momento no que se resolva o novo proceso de licitación e sexa efectiva a adxudicación a unha nova empresa. Cómpre lembrar que o contrato con esta UTE finaliza o vindeiro 31 de outubro de 2015.

O alcalde de Ames, José Miñones, destaca que “vanse estudar todas as posibilidades tecnicamente viables en busca dun consenso entre todas as forzas políticas. Somos coñecedores das complicacións que ten esta tramitación, pero este goberno quere esgotar todas as vías posibles que permitan abordar con garantías a municipalización do servizo”.

De cara á vindeira reunión, que terá lugar a finais deste semana o a comezos da próxima, o goberno municipal entregaralle aos grupos políticos da oposición un documento no que se xustifica a proposta que van achegar de levar a cabo un proceso de licitación de dous anos, máis un e un de prórroga, se fose necesario. Ademais, tamén lle presentarán un calendario de traballo para municipalizar o servizo, se os informes dos técnicos así o indican.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames retoma las comisiones contra los desahucios y la gestión del agua"
El Correo Gallego: "Proponen licitar por 2 años la traída de Ames antes de municipalizarla"