Pestanas principais

Reúnese a Comisión de Orzamentos Participativos 2017 para a selección de propostas

Mércores, 06 de setembro de 2017

[06-09-2017] O pasado día 29 de agosto reuniuse a Comisión de Orzamentos Participativos (COP) no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, para valorar, estudar e seleccionar as propostas presentadas dentro do proceso de orzamentos participativos que abriu o Concello de Ames. Nesta xuntanza participaron os representantes das distintas parroquias que son membros integrantes da COP xunto coa concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, e o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil.

O proceso de orzamentos participativos segue avanzando. Deste xeito, na última semana do pasado mes de agosto realizouse unha nova xuntanza para valorar, estudar e seleccionar as propostas presentadas dentro do devandito proceso. Presentáronse un total de 186 propostas veciñais. Na maior parte delas a veciñanza pide arranxos de camiños e lavadoiros, acondicionamento de locais sociais, colocación de paneis informativos nas aldeas e melloras de accesibilidade.

Na xuntanza do pasado día 29 de agosto, os membros do goberno alí presentes, ante as dúbidas que xurdiron con respecto a determinadas propostas, reiteraron que todas as actuacións a valorar teñen que ser actuacións sobre bens ou terreos de titularidade municipal.

Os representantes de cada parroquia representada na COP expuxeron as prioridades dentro das propostas presentadas e a motivación destas prioridades que na práctica totalidade son propostas que afectan e dan respostas a demandas da maioría da veciñanza amesá do rural. Unha vez expostas estas prioridades, a COP pasou a seleccionar 27 propostas das 186 solicitudes presentadas, e que pasarán a unha fase de valoración económica.

Valoración económica de 27 propostas
Nas 27 solicitudes seleccionadas para valorar economicamente, inclúense propostas que coinciden en moitas parroquias, como actuacións en accesibilidade dos locais municipais, arranxo de locais sociais municipais, arranxo e acondicionamento de pistas, prazas, arranxo de lavadoiros, mellora no alumeado público, colocación de indicadores dos lugares e sinalización, e colocación de paneis informativos.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, destacou “quixera amosar o noso agradecemento as veciñas e veciños, asociacións e representantes das parroquias que están a participar neste proceso, pois son os que mellor coñecen as necesidades do rural. A súa implicación fai posible e garante que as propostas seleccionadas dean respostas a esas necesidades. Todas as propostas seleccionadas son produto do consenso de todos os membros da COP. Pasaremos a unha fase de valoración económica destas propostas para seleccionar a listaxe definitiva”.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Los amienses remiten al presupuesto mejoras en sus vías y locales sociales"
Ames Go: "A Comisión dos Orzamentos Participativos selecciona as propostas para este 2017"