- Tematica
Volve a programación teatral a Ames para os derradeiros meses do ano. Nesta ocasión, chegará este venres, 19 de setembro, ao auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18.00 horas, a obra infantil “Castelao” de Culturactiva producións. Ademais, esta representación teatral forma parte da programación para conmemorar o Ano Castelao polo 75º aniversario da súa morte. Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames para o segundo trimestre do ano. As entradas poden adquirirse a través da Billeteira electrónica.
Este venres, ás 18.00 horas, o auditorio do Milladoiro acollerá a volta do teatro a Ames tras o verán, coa representación da peza infantil “Castelao” de Culturactiva producións. Esta obra forma parte da programación con motivo do Ano Castelao, que se celebra neste 2025, polo 75º aniversario da morte dunha das principais figuras e referentes da cultura galega.
Para estes derradeiros meses do ano, hai programadas outras representacións teatrais: o 10 de outubro, “Desexo” de Talía Teatro no Milladoiro; o 31 de outubro, “Os dous de Sempre” de Producións Teatrais Excéntricas en Bertamiráns; e o 28 de novembro, “Guerra” de Teatro do Noroeste en Bertamiráns.
Sobre “Castelao”
Nesta peza, escrita por Paula Carballeira e dirixida por Fina Calleja, preténdese achegar ao público máis mozo a figura e legado de Castelao a través da narración da súa vida e obra. Deste xeito, faise un percorrido pola vida de Castelao cando tiña 8 anos e vivía na súa vila natal, en Rianxo, unha etapa na que cobrará gran protagonismo a figura de súa nai Baltasara.
Esta viaxe busca interpretar e descubrir a obra dunha das principais figuras da cultura galega desde unha íntima e nova perspectiva. Así, preséntase unha peza na que o pequeno Castelao de neno sofre unha persecución antes de partir cara a Arxentina con seu pai e, finalmente, queda en Galicia xunto con súa nai.
Sobre Culturactiva producións
Culturactiva S. Coop. Galega é unha das grandes produtoras e distribuidoras de Galicia, sendo un gran motor para impulsar os sectores do teatro e da música. Dentro deste proxecto, nace hai máis dunha década Culturactiva Producións, conseguindo producir numerosas pezas tanto de interior coma de rúa que encheron prazas e teatros do país.
O equipo de Culturactiva está formado por recoñecidas caras do ámbito teatral galego: directores e directoras de prestixio, como Fina Calleja ou Marcos Orsi; actores e actrices como Anabell Gago, Mónica Camaño, Luis Iglesia, Isabel Risco ou Fran Rei; ou autoras como Paula Carballeira ou Nate Borrajo.








