[09-05-2016] Esta semana volven as sesións de contacontos ás bibliotecas municipais amesás. A primeira sesión, ““Cacas” de animais”, terá lugar o día 10 de maio na biblioteca de Bertamiráns e o día 12 na do Milladoiro. A segunda sesión, “Xuntos pero non revoltos”, celebrarase primeiro no Milladoiro, día 25, e trasladarase o 26 de maio á biblioteca de Bertamiráns. Todas as sesións comezarán ás 18:00 horas e son gratuítas e de participación libre.
Este martes, día 10, a biblioteca de Bertamiráns acolle a primeira sesión de contacontos do mes. Baixo o título “Cacas de animais”, agrúpanse tres contos, algo escatolóxicos: “A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza”, “El gran concurso de ls caca” e “A cousa que máis doe no mundo”. O xoves, día 12 de maio, repetirase a lectura dramatizada destes contos na Biblioteca do Milladoiro. En ambos os dous casos a sesión de contacontos comezará ás 18:00 horas.
A segunda sesión de contos na biblioteca, “Xuntos pero non revoltos”, terá lugar primeiro na biblioteca do Milladoiro, o mércores 25 de maio ás 18:00 horas, para despois realizarse na biblioteca de Bertamiráns, o xoves 26 á mesma hora. As tres narracións desta sesión son: “Unha vella tiña un can”, “Animais de compañía” e “La araña hacendosa”.
As actividades de contacontos enmárcanse nas actividades de Animación á lectura organizadas polo departamento de Educación e Cultura do Concello de Ames.




