Pestanas principais

Resolución favorable do IDAE para a subvención de máis de 1 millón de euros para o cambio de luminarias do rural de Ames

Venres, 20 de decembro de 2019

O Concello de Ames vén de recibir esta semana a resolución do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía na que se notifica que se lle concede unha axuda de 1.176.231,15 euros, para a execución e desenvolvemento dun proxecto singular de aforro e mellora da eficiencia enerxética da iluminación do rural. Deste xeito, vanse substituír 4.540 puntos, das parroquias Amesáns. Estes puntos para substituír englóbanse en 120 centros de mando, que tamén serían reformados, representando o 69% do total de centros presentes no termo municipal. O orzamento previsto para a execución do proxecto é de 1.470.288,94 euros. O 80% do orzamento total será sufragado con fondos europeos concedidos polo IDAE, mentres que o 20% restante, 294.057,80 euros, serán sufragado con fondos propios municipais.

O Concello de Ames vén de recibir esta semana a boa nova de que o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) lle concede unha axuda de 1.176.231,15 euros, para desenvolver o proxecto de mellora da eficiencia enerxética no alumeado do rural. A subvención concedida enmárcase dentro da convocatoria de axudas, regulada polo Real Decreto 616/2017, do 16 de xuño, e que se enmarca dentro do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020.

Deste xeito, vaise a renovar a iluminación pública exterior das vías públicas das parroquias, actuando en 4.540 dos 7.133 puntos de luz existentes no municipio, substituíndo as actuais luminarias por luminarias LED máis eficientes e actualizando 120 dos 173 cadros de mando existentes para adaptalos á normativa vixente. Con esta actuación diminuirase a potencia de 573 kW a 274 kW e conseguirase un aforro enerxético estimado do 53,43%. As luminarias incluídas no proxecto singular e que serán substituídas por outras máis eficientes atópanse maioritariamente en vías rurais.

O orzamento previsto para a execución do proxecto é de 1.470.288,94 euros e a subvención concedida polo IDAE é do 80% do total. O cofinanciamento que achegará o IDAE procede dos fondos FEDER da Unión Europea cos que se dotou o eixo 4 do Programa Operativo Plurirregional de España 2014-2020, destinado integramente ao cofinanciamento de proxectos que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono. Polo tanto, a través dos fondos europeos, o Concello obtén unha contía de 1.176.231,15 euros. O 20% restante, 294.057,80 euros, será sufragado con fondos propios municipais.

O alcalde de Ames, Jose Miñones, destaca que “esta é a segunda axuda de fondos europeos que recibe o Concello de Ames nos últimos catro anos. Así, o Concello de Ames ten concedidos máis de 6 millóns de euros de fondos europeos, se temos en conta esta axuda e a da EDUSI, algo que é indicativo de que se está traballando con rigor para captar recursos económicas doutras administracións. Grazas a esta axuda poderase executar unha importante actuación de eficiencia enerxética, chegando a maior parte do rural de Ames”.

Programa de desenvolvemento sostible
A partir de 2020 dende a Concellaría de Transición Ecolóxica está previsto desenvolver un programa de desenvolvemento sostible para favorecer a redución CO2. Así, o obxectivo será cumprir o marcado pola Axenda 2030 de reducir nun 40% a emisión de CO2. Co cambio de luminarias no rural e nos núcleos de Bertamiráns e do Milladoiro, que está previsto que estea finalizado en 2023, reducirase en máis dun 50% as emisións de dióxido de carbono, polo que se cumpriría sobradamente este compromiso europeo marcado na Axenda 2030.

O concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Rural, Manuel Lens, explica que “a intervención que se vai executar recolle o cambio de 4.540 luminarias e 120 centros de mando do alumeado público do rural. Isto representa o 64% do total de luminarias do municipio. Este cambio suporá un aforro enerxético do 53% que ascenderá a un importe de 135.563 euros ao ano. Deste xeito, a inversión feita quedará amortizada nun período aproximado de 10 anos. Ademais, vanse deixar de emitir máis de 500 toneladas de CO2 ao ano. A través desta actuación tratamos de poñer en valor que somos un concello que aposta pola sustentabilidade e pola eficiencia enerxética”.

Ames vai ser eficiente no 100% do seu territorio
Este proxecto enmárcase dentro dun plan máis amplo a través do cal se pretenden cambiar as luminarias e centros de mando do 100% do alumado público municipal. Deste xeito, a este proxecto do cambio de luminarias do rural únese o proxecto de mellora da eficiencia enerxética da iluminación no Milladoiro, que foi adxudicado no pasado mes de outubro á empresa Instalaciones Eléctrica Coruñesas SL, por un importe de 225.746,57 euros. Tamén se está redactando o proxecto para o cambio de iluminación na localidade de Bertamiráns, que está incluído no Plan Impulsa Ames e que conta cun orzamento inicial de 361.459,3 euros. Este proxecto está previsto que se licite en 2020.

Ames investirá mais de 2,5 millóns de euros de fondos propios e aportacións do IDAE, DUSI e Diputación para o desenvolvemento sostible no apartado da eficiencia enerxética, co obxectivo de acadar unha redución de emisións de CO2 e mellorar a visibilidade dos núcleos urbanos e rural.

José Miñones incide en que “esta é unha gran nova para o Concello de Ames porque a través desta actuación no rural, o 64% da iluminación pública do concello vai ser eficiente enerxeticamente. Ademais, dita porcentaxe vaise ampliar ata o 100% cos proxectos de mellora da iluminación das localidades do Milladoiro e Bertamiráns. Ademais, vanse a poñer en marcha medidas complementarias recollidas no Plan Impulsa Ames como son medidas de control das luminarias: control da intensidade lumínica polas noites cando non hai tráfico, así como outros sistemas de control de enerxía que nos permitirá ser máis eficientes”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames rebajará un 53,4 % el consumo eléctrico al cambiar 4.540 puntos de luz en el rural"

Compostela 24 horas: "1 millón de euros para o cambio de luminarias do rural de Ames"

Imaxe do alumeado público da parroquia de Covas