[30-05-2018] O Concello de Ames está a organizar, a través do servizo de Axuda no Fogar, unha serie de charlas de apoio ás persoas coidadoras. A primeira destas palestras estará centrada na resolución de dificultades ligadas á demencia. No Milladoiro, a charla desenvolveuse o pasado luns na Casa da Cultura desta localidade. En Bertamiráns, a conferencia terá lugar este xoves, 31 de maio, ás 19:00 horas, no Pazo da Peregrina. Impartida pola neuropsicóloga María Lueiro, a charla será polo tanto a primeira dunha serie de conferencias que tentarán ofrecer diferentes técnicas e mecanismos de apoio ás coidadoras e coidadores de persoas dependentes. O novo ciclo de charlas conta coa colaboración de Atendo Dependencia, empresa adxudicataria do servizo de Axuda no Fogar de Ames.
A charla “Resolver dificultades na demencia” busca ofrecer ás persoas asistentes unha serie de ferramentas que as axuden a lidar con diferentes tipos de situacións, as cales se poden producir debido á existencia de problemas de conduta, dunha mobilidade reducida ou por causa da aparición de transtornos do sono, entre outros. É evidente que cando no seo familiar hai unha persoa con demencia, os obstáculos aumentan considerablemente. Por este motivo, este novo ciclo de charlas quere dar apoio ás persoas coidadoras, formándoas e ofrecéndolle variados mecanismos cos que facer fronte ás dificultades que acarrean a enfermidade ou a vellez.
A conferencia será impartida pola neuropsicóloga e directora do Centro de Día de Santiago de Compostela, María Lueiro, quen adaptará os contidos ao perfil de usuarias e usuarios do servizo de Axuda no Fogar do Concello de Ames. A charla quere ser, así mesmo, un espazo de encontro entre persoas formadas neste eido e persoas que non o están, mais que teñen que responsabilizarse do coidado de familiares con demencia.
O pasado luns, a charla realizouse na Casa da Cultura do Milladoiro. Este xoves, 31 de maio, a conferencia terá lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 19:00 horas. Dentro deste programa impartiranse outras charlas ao longo do ano, que serán de interese para coidadoras e coidadores de persoas dependentes, así como para persoas que teñan algún tipo de dependencia.