[29-01-2016] A quinta edición do Club de Debate xa está en marcha. Durante a semana varios dos once concellos participantes, como Ames, Teo ou Negreira, participaron en xornadas de formación e esta mesma mañá, en Pontevedra, asinouse unha addenda na que os municipios confirmaban o seu desexo de formar parte do programa e mostraban a súa aprobación do protocolo de colaboración. A concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, achegouse ata Pontevedra para asinar a devandita addenda ao protocolo do Club de Debate.
Representantes dos distintos consistorios acudiron a asinar a addenda, a concelleira Isabel Vaquero fíxoo en representación do Concello de Ames. Aos municipios de Ames, O Carballiño, Carballo, Ferrol, Negreira, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo súmanse este ano equipos de rapaces e rapazas formados nos concellos de Narón e A Coruña.
Nesta quinta edición organizouse aos municipios en catro zonas para a primeira fase da competición. Os institutos e centros de formación profesional que quixeron participar formaron equipos, sempre mixtos, de entre 4 e 10 alumnos e alumnas. O estudantado ao que va dirixido o programa cursa actualmente 3º ou 4º da ESO, 1º de Bacharelato ou algún curso de Formación Profesional. Os membros dos grupos deben ter menos de 18 anos.
Na primeira zona competirá o alumnado de Carballo, Ferrol e Narón; a segunda zona está formada polo alumnado de Ames, Teo e Negreira; na terceira zona participan os alumnos/as da Coruña; e na cuarta é última compite a rapazada do Carballiño e Pontevedra. En total máis de 350 rapaces e rapazas, inscritos nun dos 38 grupos que compiten, participan desta quinta edición.
Os dous equipos coa puntuación máis alta en cada unha destas catro áreas poderán participar na fase final, que terá lugar o día 30 de abril en Pontevedra, sede desta quinta edición. O tema a debater é "En galego hai un mundo de cousas bonitas".
Fase clasificatoria de zona
O 8 de abril, no auditorio de Negreira, os 9 equipos de estudantes amesáns, teenses e nicrarienses debaterán en torno ao tema "Galicia pode vivir do sector primario". Seis equipos amesáns participarán ese día: un do IES de Milladoiro e cinco do IES Plurilingüe de Ames, situado en Bertamiráns. Do IES Xulián Magariños participarán dous grupos e un do IES de Cacheiras, de Teo.
Ademais da posibilidade de participar na fase final en Pontevedra os dous equipos gañadores recibirán cadanseu premio en material cultural, valorado en 500 euros o do primeiro equipo clasificado e en 300 euros o segundo. Os alumnos e alumnas que convenzan ao xurado na fase final serán premiados cunha viaxe multiaventura dunha fin de semana para 20 persoas, nun lugar no que se poidan achegar a novos aspectos da realidade lingüística.
O Club de Debate nace no curso 2010-2011 para fomentar as habilidade comunicativas do estudantado participante, axudarlles a ter un pensamento crítico, a expoñer con calma e precisión as súas ideas e a favorecer o uso da lingua en distintos contextos, tanto formais como informais. Os participantes amosarán a súa fluidez comunicativa, mellorarán a súa capacidade de sínteses e aprenderán a traballar mellor en equipo.