Pestanas principais

Repartidos en menos dunha semana o 36% dos fondos das tarxetas bono “Ames Progresa”

Martes, 08 de marzo de 2022

Nos cinco primeiros días da campaña de tarxetas bono “Ames Progresa” repartíronse 220 novas tarxetas de 50 euros e recargáronse 600 bonos de anteriores campañas. Estes datos supoñen que 27.000 dos 75.000 euros investidos polo Concello de Ames nesta iniciativa xa están en circulación, un 36%. A campaña desenvolverase ata o 30 de abril e conta con 219 establecementos adheridos. Para retirar ou recargar bonos, cómpre asistir aos locais das asociacións empresariais amesás, Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), Palmira Bulebar e Novo Milladoiro, ata o martes 15 de marzo.

A nova campaña de tarxetas bono do Concello de Ames comezou con forza nestas primeiras xornadas de marzo, poñendo en circulación en menos dunha semana o 36% dos fondos dedicados a estas tarxetas, uns 27.000 euros. En total, expedíronse un total de 220 novos bonos de 50 euros, o 44% das 500 tarxetas que saíron á venda nesta campaña.

Ademais, recargáronse xa unhas 600 tarxetas bono recuperadas de anteriores campañas, destacando sobre todo a aposta polos bonos de 100 euros, só dispoñibles para aquelas persoas que xa contaban con eles das dúas anteriores edicións. En total, unhas 530 persoas optaron xa por recargar a súa tarxeta por valor de 100 euros, mentres que outras 70 decidiron volver a empregar o seu bono de 50 euros.

Cómpre destacar que nesta campaña só se poderá utilizar unha única tarxeta, polo que no caso de contar con dous bonos de edicións anteriores haberá que escoller un. Ademais, as persoas que xa adquiriran unha tarxeta bono en 2021 non poderán obter unha nova en 2022.

En total, uns 219 establecementos participan nesta edición da campaña, cun investimento do Concello de Ames de 80.000 euros. Desta suma, 75.000 euros están destinados  a subvencionar as tarxetas, ás que o Concello aporta o 40% do seu valor. Os 5.000 euros restantes servirán para cubrir gastos de xestión das tarxetas, así como para a contratación de dúas persoas para apoiar na emisión e recarga dos bonos. Se se cumpren as previsións os fondos suporán un volume de negocio de 187.500 euros para as empresas adheridas.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, gabou a aceptación da campaña e o papel do tecido asociativo amesán. “Grazas de novo ás tres asociacións por todo o traballo que están facendo nesta campaña. Quero agradecer tanto a toda a veciñanza de Ames como aos visitantes da contorna que continúen apoiando o noso comercio e a nosa hostalaría”.

Horarios e lugares de retirada e recarga das tarxetas

As tarxetas poderán retirarse de 11:00 a 13:30 horas e de 17:00 e 19:30 horas. En Bertamiráns, o local de venda é a sede de XEA, situada na rúa do Pedregal, número 4. Pola súa banda, no Milladoiro atenderase pola mañá no local da Asociación Empresarial Novo Milladoiro, na rúa Palmeira, número 19, mentres que pola tarde as tarxetas emitiranse no local de Palmira Bulebar, na rúa Viorneira, número 1.

Do valor total da tarxeta de 50 euros, a persoa beneficiaria aportará 30 euros e o Concello de Ames 20, mentres que na de 100 euros, as beneficiarias achegarán 60 e o Concello, 40 euros. Será a parte aportada polas beneficiarias a que se gaste primeiro nas compras nos comercios e empresas amesás. Por esta razón, non se devolverá o importe dos bonos unha vez rematada a campaña. Os saldos das tarxetas poderán consultarse na páxina web www.damemisaldo.com.

Preme aquí para consultar a lista completa de establecementos adheridos á campaña de tarxetas bono “Ames Progresa”.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Repartido en 5 días el 36 % del dinero del plan Ames Progresa"

El Correo Gallego: "En cinco días xa se entregou a terceira parte dos bonos de Ames Progresa"

Enfoques: "Repartidos en menos de una semana el 36% de los fondos de ‘Ames Progresa’"

Compostela 24 Horas: "Repartidos en menos dunha semana o 36% dos fondos das tarxetas bono “Ames Progresa”"

Repartidos en menos dunha semana o 36% dos fondos das tarxetas bono “Ames Progresa”

Multimedia

  • Repartidos en menos dunha semana o 36% dos fondos das tarxetas bono “Ames Progresa”
  • Repartidos en menos dunha semana o 36% dos fondos das tarxetas bono “Ames Progresa”