[12-03-2012] O Concello de Ames e a Mancomunidade do Barbanza están desenvolvendo unha campaña para fomentar a reciclaxe. Trátase dunha campaña de concienciación sobre a separación en orixe dos residuos sólidos urbanos. Estanse repartindo un trío de bolsas de rafia co obxectivo de facilitar a separación na casa do vidro, plástico e papel segundo a cor da bolsa. Durante oito días estiveron na Casa da Cultura de Bertamiráns. Durante este período repartíronse 679 bolsas entre a veciñanza desta localidade. Agora a campaña trasladouse ao Milladoiro. Ao longo de toda esta semana estarán na Casa da Cultura do Milladoiro. A campaña desenvolveuse os días 29 de febreiro e 1, 2, 5, 6 7, 8 e 9 de marzo na Casa da Cultura de Bertamiráns, mentres que na Casa da Cultura do Milladoiro realizarase os días 12, 13, 14, 15 e 16 de marzo. Para poder recoller as bolsas, os veciños/as terán que achegar unha carta sobre esta campaña, que previamente xa se lles enviou aos seus domicilios.
A Concellaría de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade, en colaboración coa Mancomunidade do Barbanza, están levando a cabo unha campaña para fomentar a separación en orixe dos residuos sólidos urbanos. A devandita campaña comezou o pasado día 29 de febreiro na Casa da Cultura de Bertamiráns. Durante oito días o persoal da Mancomunidade do Barbanza estivo no centro sociocultural desta localidade para repartir un trío de bolsas de rafia co obxectivo de facilitar a separación na casa do vidro, plástico e papel segundo a cor da bolsa. Durante estes oito días achegáronse 679 persoas ata a Casa da Cultura de Bertamiráns para interesarse pola campaña de reciclaxe e co fin de recoller as bolsas para separar o vidro, plástico e papel.
Ao mesmo tempo que se repartían as bolsas realizouse un enquisa para comprobar se a veciñanza amiense está concienciada coa necesidade de reciclar. O resultado da enquisa foi moi positivo, xa que a maioría das persoas responderon que empregaban os colectores que se repartiron nunha campaña anterior para separar os residuos orgánicos dos non orgánicos, e, por conseguinte, realizan unha correcta separación dos residuos sólidos urbanos.
Deste xeito, os veciños/as dispoñen de tres bolsas diferentes. Na bolsa azul poden depositar o papel e o cartón; na bolsa verde poderán deixar o vidro e na bolsa amarela porán os envases de plástico, latas e bricks. Ademais, a veciñanza amiense xa dispón dun caldeiro que foi distribuído pola Mancomunidade do Barbanza nunha campaña anterior. Neste caldeiro poden depositar os residuos orgánicos (restos de comida, tanto crus como cociñados, follas secas, etc.) para despois deixalo no colector pequeno de tapa verde. Cumprindo estas normas de separación conseguiremos manter o concello máis limpo e ser máis respectuosos co medio.
Agora a campaña trasládase durante toda esta semana á localidade do Milladoiro. O persoal de Mancomunidade Serra do Barbanza estará na Casada Cultura do Milladoiro durante os días 12, 13, 14, 15 e 16 de marzo. Para poder recoller as bolsas, os veciños/as terán que achegar unha carta sobre esta campaña, que previamente xa se lles enviou aos seus domicilios. O horario no se poden recoller as bolsas e de 10:00 h a 13:00 e de 16:30 a 20:00 horas.
A través desta iniciativa preténdese concienciar a veciñanza amiense da importancia da reciclaxe e da separación en orixe dos residuos sólidos urbanos. Para iso o Concello de Ames e a Mancomunidade Serra do Barbanza están desenvolvendo esta campaña que consiste na achega dun trío de bolsas de reciclaxe para a correcta separación do vidro, plástico e papel co obxectivo de facilitar a separación na casa e logo o seu depósito no colector correspondente. Lembra que separar para reciclar é cousa de todos/as.