Pestanas principais

Renóvase o convenio subscrito co IES de Ames para usar as súas instalacións fóra do horario escolar

Martes, 01 de marzo de 2011

[01-03-2011] Onte o alcalde de Ames, Carlos Fernández, e a directora do IES de Ames, Marisol Louro, asinaron un convenio mediante o cal o Concello poderá usar as instalacións deste centro educativo fóra do seu horario lectivo, co fin de que estas aulas acollan as diferentes actividades culturais e educativas que pon en marcha o goberno municipal ao longo de todo o ano. Neste acto tamén estiveron presentes as coordinadoras do departamento de Educación, Emilia Seara e Sandra Dios. O convenio recolle unha compensación económica de 19.000 euros a este centro educativo para sufragar os gastos que lle ocasionen as actividades programadas entre o mes de outubro de 2010 e o mes de outubro de 2011. Este convenio de colaboración subscríbese dende o curso 2005-2006.

Por sexto ano consecutivo o Concello de Ames e a dirección do IES de Ames acaban de subscribir un convenio de colaboración para que a mocidade amiense poida empregar as instalacións deste centro educativo fóra do horario escolar. O goberno municipal está traballando para fomentar que os nenos e nenas amienses ocupen o seu tempo de lecer con actividades formativas ao mesmo tempo que se divirten.

Este acordo materializouse coa correspondente sinatura do convenio de colaboración no que deixaron a súa firma o alcalde de Ames, Carlos Fernández, e a directora do IES de Ames, María Soledad Louro Lestón. Este acordo permitirá seguir utilizando as instalacións deste centro educativo fóra do horario escolar para poder organizar diferentes actividades incluídas nas programacións anuais das diversas concellarías e demais departamentos municipais que son de interese municipal.

O rexedor municipal destacou que a través deste acordo garántese a organización de diversas actividades educativas e culturais ao longo de todo este ano. "Despois de que na Xunta de Goberno Local do pasado mércores 23 de febreiro se acordará aprobar o convenio de colaboración co IES de Ames hoxe asinamos o devandito convenio. Este ano incluso se adiantou unhas semanas a sinatura xa que se viña realizando no mes de marzo".

Fernández engadiu que "deste xeito corroborase a boa relación que mantemos coa dirección do IES de Ames en contra do que se apuntaban hai unhas semanas dende o grupo municipal popular xa que dicían que se estaban tomando represalias contra a dirección do IES e que me negaba a firmar o convenio de colaboración polo uso das súas instalacións. Tal e como dixen naquel momento esas declaracións foron unha auténtica falacia e queda máis que demostrado despois de renovar o convenio que xa levamos subscribindo dende o curso 2005-2006".

As Concellerías de Educación, Cultura e Deportes, Mocidade e Servizos Sociais do Concello de Ames programan ao longo de todo o ano numerosas actividades que precisan para o seu desenvolvemento de dependencias axeitadas. As instalacións do IES de Ames son idóneas para a súa utilización nas actividades desenvolvidas polo Concello, máxime tendo en conta a vantaxe que supón o feito de que se atopen todas nun mesmo emprazamento, o que facilita a xestión e evita o riscos e incomodidades que se derivarían de hipotéticos desprazamentos dos usuarios/as.

Estas instalacións son ademais as únicas do municipio que ofrecen as características de equipamento precisas, xa que pola súa diversidade en espazos deportivos e docentes poden albergar as múltiples actividades postas en marcha polo Concello, considerándose que non existe alternativa ás mesmas dentro do termo municipal.

O convenio recolle unha compensación económica de 19.000 euros ao IES de Ames para os gastos que lle ocasionen ás actividades programadas fóra do horario escolar e que non son imputables ao seu funcionamento normal, tales como luz, calefacción, auga ou conserxería. Ademais, a fin de compatibilizar no posible ambos usos e evitando no posible coincidencias de espazos e horarios, as dúas entidades presentarán as súas propostas con tempo sempre para que os usuarios de ambas resulten os auténticos beneficiarios finais deste acordo.

Actividades educativas

As actividades incluídas na programación na Concellaría de Educación e Servizos Complementarios, que se realizan nas instalación do IES de Ames, son moi diversas e variadas. Así neste centro desenvólvense toda a programación relativa aos Lúdicos (Nadal Lúdico, Primavera Lúdica, Xuño Lúdico e Setembro Lúdico). En verán acolle as escolas de verán que se celebran durante os meses de xullo e agosto.

Ademais durante o curso o pavillón deportivo do IES de Ames emprégase para realizar diversas actividades. Como o servizo de comedor escolar deste colexio ten varias quendas, os nenos e nenas aproveitan o tempo de lecer antes e despois de comer para divertirse no ximnasio do IES de Ames.

As clases da Escola Municipal de Adultos tamén se imparten no IES de Ames. As persoas maiores de 18 anos que desexan obter o Título de Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) poden formarse a través da Escola Municipal de Adultos que o Concello de Ames pon en marcha cada ano ao comezo do curso escolar. Os alumnos e alumnas amienses que asisten ás clases deste programa reciben axuda para preparar os exames e deste xeito poder obter o título.

Concellaría de Cultura e Deportes

A programación desta Concellaría inclúe as actividades da Escola de Musica, os cursos de lingua galega e diversas actividades das escolas deportivas, así como os obradoiros de teatro. Ademais estas instalación en moitas ocasións tamén son cedidas as asociacións culturais do concello para que poidan dispor do espazo necesario para poder desenvolver a súa actividade.

Nas clases da EMMA impártense leccións de Música e Movemento, dirixidas aos cativos de catro a seis anos, e de Linguaxe Musical ou práctica instrumental, para rapaces e rapazas maiores de sete anos. As clases da EMMA son impartidas no IES de Ames e no CEP de Ventín.

O obradoiro de teatro organizado polo Concello de Ames tamén require dunhas instalacións que se adecúen ás súas propostas para ofrecer aos participantes a mellor aprendizaxe posible nun entorno adecuado para desenvolvela.

Concellaría de Mocidade

Nas instalacións do IES de Ames tamén se desenvolven varias actividades programadas pola Concellaría de Mocidade. Entre elas, destacan o programa de apertura polas tardes co obxectivo de continuar co reforzo educativo. Este programa está dirixido ao alumnado de terceiro ciclo de primaria e secundaria. Deste xeito ofréceselle a posibilidade a todos os rapaces e rapazas de complementar os seus estudos con clases de apoio encamiñadas a potenciar o rendemento académico do alumnado. Esta actividade desenvolverase ao longo de todo o curso no CEIP Agro do Muíño, CEIP Barouta, IES de Ames e na Casa da Casa da Cultura Milladoiro.

Concellaría de Servizos Sociais

Este departamento é o encargado de organizar os cursos de alfabetización de adultos así como os cursos de atención a inmigrantes. As aulas do IES de Ames van acoller as clases que se impartirán en Bertamiráns do obradoiro de lingua co obxectivo de achegárense a nosa lingua e a nosa cultura dun xeito práctico e ameno. As clases levaranse a cabo os luns, mércores e xoves, en horario de 20:00 h. ás 22:00 horas. O curso desenvolverase dende o 2 de marzo ata o 4 de abril.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Concello amiense renueva el convenio con el instituto para utilizar sus instalaciones"
La Voz de Galicia: "El Concello amiense renueva el convenio con el instituto para utilizar sus instalaciones"
El Correo Gallego: "Concello e IES de Ames firman un nuevo convenio"
El Correo Gallego: "Concello e IES de Ames firman un nuevo convenio"