[04-02-2013] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o presidente do Club de Pensionistas e Xubilados do Milladoiro (JUPEMI), Manuel Montero, renovaron o seu convenio de colaboración mediante o cal a Administración local se compromete a aboarlle ao devandito club 1.200 euros mensuais durante o presente exercicio. Este convenio representa para o Concello de Ames un gasto total de 14.400 euros. O acordo terá vixencia durante o presente ano 2013. A través desta achega municipal, a asociación poderá sufragar diferentes gastos que ten ao longo do ano. A cambio o Concello poderá empregar as dependencias do local que ten JUPEMI na rúa Figueiras, no Milladoiro, para poder desenvolver diferentes actividades municipais.
Durante a vixencia do convenio, o Club de Pensionistas e Xubilados do Milladoiro comprométese a prestar o local da asociación para as actividades que o Concello precise desenvolver, durante un mínimo de tres días á semana, e por un espazo de catro horas cada día. Os días e as horas concretas no que haxa de ter lugar este uso serán comunicadas ao club cunha antelación de sete días. Sen prexuízo disto, o club permitiralle ao concello a utilización do local en todas as ocasións en que así o requira, sempre que a asociación non tivera previamente programada unha actividade.
Colaboración na organización de actividades
Así, a asociación comprométese a colaborar na organización de bailes dirixidos tanto para as persoas do club como para aquelas outras que poidan estar interesadas na súa participación e que teñan lugar na localidade do Milladoiro, poñendo a disposición do Concello aos seus membros para servizos tales como a difusión e deseño da actividade e a atención das persoas asistentes durante a celebración da actividade. Neste local tamén se organizarán cursos dirixidos de xeito específico aos maiores. A asociación pon o seu local a disposición do Concello para o desenvolvemento de accións formativas e charlas de sensibilización de diversa temática que teñan como destinatarios aos maiores.
Por outra banda, este club comprométese a colaborar a través dos seus membros nas actividades que se desenvolvan desde a Oficina Municipal de Voluntariado de Ames (OVA). Tamén pon a disposición do Concello a súa organización para colaborar nas funcións de programación, organización e desenvolvemento das excursións que desde o Concello se organizan. Ademais, a través do convenio subscrito esta asociación comprométese a incluír no seu boletín informativo de carácter periódico as noticias e informacións das actividades municipais.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "El club de jubilados amiense recibirá 14.000 euros al año"
El Correo Gallego: "Ames aportará 1.200 € al mes para el Club de Xubilados y utilizará su sede"




