[02-03-2011] Un total de 21 veciños e veciñas de Ames tiveron a oportunidade de aumentar os seus coñecementos informáticos cun curso de iniciación a Windows e Word. Este obradoiro impartiuse durante todo o mes de febreiro en quenda de mañá e tarde. O Concelleiro de Cultura, Deportes e Patrimonio Histórico, Francisco Villaverde, fixo entrega dos diplomas acreditativos de ter participado no curso impartido na Aula de Informática do Milladoiro. Os días 1, 2 e 3 de marzo impartirase un obradoiro sobre o Entroido na rede, que está dirixido aos nenos e nenas de 7 a 10 anos.
O curso de iniciación a Windows e Word, que se realizou ao longo do mes de febreiro na aula de informática do Milladoiro, rematou coa entrega dos diplomas acreditativos por parte do concelleiro de Cultura, Deportes e Patrimonio Histórico Francisco Villaverde. O curso pretendía formar as persoas participantes no manexo do popular sistema operativo e do procesador de textos, tentando ensinar a desenvolverse con estas dúas ferramentas hoxe en día case imprescindíbeis.
No curso participaron 21 persoas repartidas en dúas quendas, unha de mañá e outra da tarde. A quenda de mañá acudía ao curso en horario de 10:00 h. a 12:00 horas, e a de tarde facíao entre as 19:00 h. e as 21:00 horas. As xornadas estaban orientadas a persoas de máis de 18 anos, e na quenda de mañá tentábase permitir que pais e nais puidesen asistir ás aulas aproveitando a estancia dos seus fillos no colexio. No curso participaron finalmente persoas de todas as idades, non tendo algunhas delas case contacto previo co mundo da informática. A experiencia foi tan positiva que moitas das persoas asistentes aproveitaron a entrega de diplomas de onte para demandar máis cursos tanto de iniciación como avanzados de informática.
O curso tivo dúas partes ben definidas que ocuparon dúas semanas cada unha. Na primeira delas as persoas participantes aprenderon a empregar Windows. Familiarizáronse así co manexo do escritorio, co emprego do menú, a creación de carpetas e iconas e a localización de programas e arquivos no ordenador que non se atopan a simple vista, entre outras características do sistema operativo.
A segunda parte centrouse no emprego do procesador de Microsoft Word. Os asistentes aprenderon como escribir un texto e despois como traballar con el. Ensinóuselles a mudar o formato, a traballar coas diversas fontes, a inserir viñetas e en xeral a mudar a configuración do texto. O curso encádrase nun conxunto máis amplo de iniciativas que leva a cabo anualmente a aula de informática do Milladoiro coas que se pretende a alfabetización dixital da veciñanza nun mundo cada vez máis tecnolóxico. A boa acollida é dominante nestas iniciativas que se complementan co emprego libre da aula fóra dos horarios de cursos e obradoiros.
Entroido na rede
Rematadas xa estas xornadas, agora comeza outra actividade para nenas e nenos de entre 7 e 10 anos, "Descobre o entroido na rede". Este obradoiro vaise desenvolver os días 1, 2 e 3 de marzo, e nel váiselles ensinar aos rapaces como empregar o popular buscador Google para buscar información relacionada co entroido en Galicia: historia e orixe, máscaras típicas do entroido, receitas de cociña, manualidades... e copiar esta información nun procesador de textos para elaborar un pequeno traballo que despois poderán imprimir. O obradoiro durará tres horas en total, entre as 18:30 h. e as 19:30 horas.




