[19-07-2016] Trinta nenas e nenos participaron no mes de xullo no campamento urbano da Aula da Natureza. As actividades foron organizadas polos 8 monitores xuvenís da OMIX e pola coordinadora da aula, Patricia Reboreda. O último día do campamento, o 15 de xullo, as familias foron convidadas como público a un espectáculo creado polas rapazas e rapaces e a compartir unha merenda.
“Moitos dos rapaces e rapazas que se apuntaron este ano repetían a experiencia”, afirma satisfeita a coordinadora da Aula da Natureza. “Aqueles e aquelas que se apuntaron por primeira vez integráronse enseguida, o ambiente de convivencia era moi bo”, engade. O grupo pasou as tardes dos días 4 ao 15 de xullo nas instalacións da Aula da Natureza, na parroquia de Ameixenda. Alí leváronse a meirande parte das actividades: os obradoiros ambientais, os xogos tradicionais ou as ximcanas. Houbo tempo para realizar algunha excursión: unha ruta polo entorno da aula explorando a súa flora e fauna e outra polo rego Andoriña, que rematou cun chapuzón na praia fluvial de Tapia.
A comezos do campamento urbano o grupo dividirase en dous equipos, cada un deles apadriñado por un dos dous bonecos que presidiron a aula: dona Xosefa e don Mauro. Cada un destes equipos tiña unha misión ao longo do campamento: escribir o guión para unha obra de monicreques, que ademais eles e elas mesmos tiñan que crear, e montar un grupo de música con instrumentos reciclados.
O traballo dos dous equipos saíu á luz o último día de clase, no que as familias dos rapaces e rapazas do campamento foron convidados á aula como espectadores. A elas uníuselles o concelleiro de Medio Ambiente Francisco Javier García. Os protagonistas da obra non foron outros que don Mauro e dona Xosefa, quen contraeron matrimonio acompañados por unha recua de invitados e invitadas. Ademais a banda musical de instrumentos reciclados foi quen de facer sonar a canción “Duele el corazón”, do cantante Enrique Iglesias, con guitarras de cartón reciclado. A actuación foi seguida dunha merenda ao aire libre, para aproveitar o bo tempo.




