Pestanas principais

Rematan as xornadas no Club de Lectura ata o vindeiro curso

Xoves, 07 de xullo de 2011

[07-07-2011] Cada semana, desde fai dous anos, máis dunha decena de persoas amantes dos libros reuníronse no Club de Lectura do Milladoiro. O seu fin foi promover a lectura entre os máis maiores a través do intercambio de interpretacións e análise de diferentes libros coa axuda do profesor voluntario, Antonio Rodríguez. As reunións do Club de Lectura do Milladoiro tiveron lugar na aula de usos múltiples da Casa de Cultura do Milladoiro, todos os martes de 16:30 h. a 18:00 horas.

As xornadas do Club de Lectura do Milladoiro, desenvolvidas na aula de usos múltiples da Casa de Cultura os martes á tarde, remataron ata o vindeiro curso. O seu obxectivo principal foi o de familiarizarse coa lectura en voz alta, perdendo o medo a ler fronte aos demais. Ademais, facíase un resumo e unha breve biografía do autor coas principais ideas que quería transmitir para contextualizar a obra. Para levar a cabo esta dinámica, o grupo tiña que ler un libro elixido por todas/os, nun prazo previamente establecido, e despois comentalo e abrir un debate arredor da súa temática.

Este club, integrado fundamentalmente por alumnos/as da Escola Integral de Maiores, está en funcionamento desde hai varios anos e é un éxito. Nomes como os de Pilar, Ascensión, Francisco ou Marina están plenamente vinculados ao grupo. Ascensión sinala que agradece este tipo de actividades xa que ela lía moi mal e, grazas ao profesor, agora faino de marabilla.  Francisco cóntanos que nestes cursos colleu moita soltura para ler.

Pero este tipo de actividades non só potencian o uso da lectura, senón que van máis aló. Pilar sinala que ela se xubilou e quería pórse en contacto coa xente da zona e así comezou a súa afección pola lectura. Non só serve para fomentar esta actividade, senón que "é unha forma de relacionarte coa xente", cousa que tamén sinala Mila ao indicar que significou moito para ela o feito de estar cos seus compañeiros.

Outro caso é do de Marina que comezou no club na Biblioteca Pública de Ames hai uns 5 ou 6 anos cun grupo de amigos. Cando soubo que Antonio retomara a idea no centro cultural, apuntouse. Sinala que un dos aspectos máis importantes é o de "saír de casa e ter relacións humanas e ademais faise traballar a mente, que, cando unha envellece, isto é moi importante". Por todo isto Marina non dúbida en darlle as grazas a Antonio porque "lle dedica moitas horas e esta actividade e fai un labor moi bo".

Polo tanto, este club vai máis aló a lectura e,  ao tempo que dá un pequeno empurrón para que as persoas adultas comecen a ler con asiduidade ou retomen un hábito de lectura perdido, contribúe a establecer relacións entre as persoas e axúdalles a saír máis das casas.

Existe unha enorme variedade de programas e actividades destinadas ao fomento da lectura para os cativos, pero, moitas veces, esquécese que as persoas adultas poden precisar un pequeno empurrón para comezar a ler con asiduidade ou retomar un hábito de lectura perdido. Os clubs de lectura de adultos naceron entre os meses de marzo e abril de 2006 dentro das actividades de animación a lectura que as bibliotecas municipais desenvolven con regularidade ao longo de todo o ano. No club do Milladoiro reuníronse uns 11 socios e socias.

Quen estea interesado en participar pode apuntarse na Oficina de Voluntariado de Ames, de luns a venres, en horario de 9:00 h. a 14:00 horas ou chamando ao número de teléfono 981 883 703.