Pestanas principais

Rematan os traballos de repoboación na finca da Tarroeira

Venres, 25 de febreiro de 2011

[25-02-2011] Durante o ano pasado o Concello de Ames asinou varios convenios de repoboación con veciños e veciñas, que tiñan parcelas situadas nas faixas de especial protección de núcleos poboacionais. Despois de que os propietarios das fincas tivesen que realizar os traballos de limpeza e tala das súas fincas, esta mesma semana o Concello estivo desenvolvendo o proceso de repoboación no lugar de A Tarroeira. A repoboación realizouse con cerdeiras, árbore de crecemento máis ou menos rápido e beneficiosas para o solo. A concelleira de Medio Ambiente, Úrsula Seijas, acompañada dunha técnica desta concelleira visitaron a plantación onte pola mañá para ver como se desenvolveron os traballos.

O Concello de Ames xa rematou o proceso de repoboación. Durante todo esta semana procedeuse á repoboación da finca situada nunha faixa de seguridade que xa estaba limpa. Este proceso levouse a cabo nunha parcela situada no lugar de A Tarroeira, na que se plantaron preto de 300 árbores. Con este traballo déuselle cumprimento aos convenios que se asinaron con algúns veciños de Ames, dentro do Plan para a protección do espazo rural e dos asentamentos de poboación do Concello de Ames de 2010.

Os propietarios e propietarias de parcelas incluídas nas faixas de especial protección, nos núcleos poboacionais, están obrigados a realizar a xestión do combustible vexetal. Todos os anos o Concello de Ames pon a disposición destes veciños e veciñas unha serie de convenios para facilitarlle a execución destes traballos e cumprir, deste xeito, a lei de prevención e defensa contra os incendios forestais, ao tempo que se intenta evitar a deforestación.

A través deste convenio o Concello sufragou o 80% do custo dos traballos de repoboación dentro da parcela que estaba incluída na faixa de especial protección mentres que o propietario ten que achegar o 20% restante, xa que toda a finca se atopa dentro da faixa de protección. Nos casos no que isto non é así, o 100% dos custos derivados dos traballos de plantación no resto da parcela, que non está incluída dentro das faixas de especial protección, deben ser aboados polo propietario da parcela. Iso sucederá sempre e cando o propietario desexe repoboar toda a parcela. No caso de que só desexe repoboar a superficie da parcela encadrada dentro da faixa de especial protección o propietario terá que aboar o 70% dos custos e o Concello achegara o 30% restante.

Estudo do terreo

Unha vez asinado o convenio, levouse a cabo un estudo do terreo baseándose nas características da parcela, para elaborar a proposta da plantación. Antes de comezar coa repoboación houbo que facer uns traballos previos para preparar e acondicionar os terreos onde se ía a levar a cabo este proceso. Estes traballos consistiron no subsolado do terreo, para acondicionar o solo antes de proceder a plantación das árbores.

O proceso de subsolado levouse a cabo coa finalidade de mellorar a estrutura do terreo, onde despois se plantaron a especie escollida. Posteriormente realizáronse os buracos onde se introduciron as plantas. A repoboación realizouse manualmente con frondosas como a cerdeira. Esta actuación desenvolveuse durante esta semana nunha parcela situada en A Tarroeira.

O Concello plantou preto de 300 árbores, que se distribuíron en marcos de catro por catro metros. Tanto a apertura dos buracos como a plantación realizouse de xeito manual, asegurándose deste xeito un pormenorizado coidado das plantas na súa fase de crecemento. Ademais ao tempo que se realizaron os buracos tamén se realizou o proceso de aboado.

Este é un instrumento máis para traballar na prevención e recuperación ambiental do solo forestal xa que dende o goberno municipal cren que é preciso traballar na prevención dos incendios forestais durante todo o ano e non só na temporada estival.

Segundo explica a concelleira de Medio Ambiente, Úrsula Seijas, con este tipo de actuacións o Concello pretende "converter as faixas de especial protección nunha barreira contra os incendios forestais. Ao mesmo tempo garántese a repoboación das parcelas con frondosas autóctonas para evitar o empobrecemento do solo e mitigar os efectos do lume".

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Finaliza la repoblación de la finca A Tarroeira, en Ames"
La Voz de Galicia: "Finaliza la repoblación de la finca A Tarroeira, en Ames"