Pestanas principais

Rematan os traballos de limpeza de camiños e vías forestais que se levaron a cabo para evitar o risco de incendios forestais

Luns, 15 de setembro de 2014

[15-09-2014] O Concello de Ames redobrou esforzos e intensificou os traballos de limpeza e desbroce nas beiras das pistas forestais e das estradas asfaltadas do municipio co obxectivo de evitar o risco de incendios forestais durante a temporada estival. Os últimos traballos realizáronse a través dun convenio asinado coa consellaría de Medio Rural. O tractor municipal traballou a dobre quenda e ademais foi contratado un segundo tractor. Limpáronse e desbrozáronse vías e camiños forestais nos lugares e parroquias de Covas-Ventosa, Framán, Agrón, Trasmonte, Ameixenda, Proupín, Lamas, San Marcos, Liñaredo, Cruxeiras e Seares.

Consciente do aumento dos riscos de incendios na época estival, un ano máis o Concello de Ames fixo todos os esforzos necesarios para limpar e acondicionar as pistas forestais e as estradas asfaltadas do municipio. Os últimos traballos realizados fixéronse a través dun convenio coa Consellería de Medio Rural para a participación na prevención de incendios foretais mediante a realización de tratamentos preventivos en vías, camiños e outras superficies forestais de titularidade municipal, que se firmou o 23 de xuño deste ano e está co-financiado Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do PDR de Galicia 2007-2013. A través deste convenio de tratamentos preventivos en vías, obras e camiños, o concello comprometeuse a realizar tratamentos silvícolas de xeito mecanizado en vías e camiños forestais da súa titularidade e nas súas faixas de xestión da biomasa.

O obxectivo era diminuír a carga de combustible, de xeito que se lograran modelos de combustibles nos que o lume, no caso de producirse, avanzara con mais lentitude e menor intensidade, de xeito que se reforzaron as estruturas de prevención e defensa contra incendios forestais. O convenio especifica que os camiños deben quedar limpos da vexetación con maior facilidade de ignición e que debe evitarse que as pólas das árbores superen o límite da aresta do camiño impedindo deste xeito o efecto túnel. Con estas premisas, e depois de que o concello propuxera a Consellería do Medio Rural un listado de camiños e vías forestais onde eran necesarios estes trabalos de limpeza e de que este listado fóra validado pola Consellería, o do día 25 de xuño comezaron as actuacións.

Limpáronse vías e camiños forestais nas parroquias e lugares de Covas-Ventosa, Framán, Agrón, Trasmonte, Sura (Ameixenda), Proupín, Lamas, San Marcos, Liñaredo, Cruxeiras e Seares. E total actuouse sobre un total de 90 hectáreas, cunha inversión de 11.700 euros, subvencionado ao cen por cen pola consellería.