[26-09-2018] Este xoves, 27 de setembro, as tardes temáticas postas en marcha polo Centro de Información da Muller (CIM) chegan ao seu fin co obradoiro “Benestar en movemento”, que terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 17.00 a 19.00 horas. Esta iniciativa encádrase dentro dun programa organizado pola Concellería de Servizos Sociais e Igualdade de Ames que, ao longo de setembro, tentou ofrecer ás mulleres amesás ferramentas para o seu empoderamento e para a prevención e o tratamento integral das violencias machistas, a través da intervención terapéutica e de diferentes accións psicoeducativas. As mulleres que queiran participar aínda poden inscribirse.
Este último xoves de setembro celebrarase o último obradoiro dos talleres de competencias emocionais e sociais destinados ás mulleres amesás, nos que se traballaron distintos aspectos emocionais e sociais para o seu benestar. O último taller, que leva como título “Benestar en movemento”, será impartido pola educadora emocional e terapeuta corporal Belén Bernardo.
Ao longo de dúas horas a educadora corporal, Belén Bernardo, ofreceralle ás asistentes ferramentas para o autocoidado, a autoxestión e a autoprevención no ámbito do benestar corporal. De esta maneira, buscará guiar ás mulleres no camiño do autocoñecemento, sempre dende o seu empoderamento.
Con este obxectivo, durante o taller realizaranse exercicios adaptados cos que se traballarán aspectos como a flexibilidade, a fortaleza ou a respiración, e nos que tamén se tentará corrixir malos hábitos no tocante ás posturas. Todo elo enfocado a descubrir a importancia de que, no día a día, o movemento corporal vaia ligado á conciencia e a ofrecer un maior grado de autoxestión sempre da man da educación corporal.
Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar neste último obradoiro aínda están a tempo de inscribirse, de forma gratuíta, nos teléfonos 981 53 59 41 ou 981 89 09 64, onde tamén poderán obter máis información.
Talleres de competencias emocionais e sociais
Durante o mes de setembro, a Concellería de Servizos Sociais e Igualdade de Ames organizou un programa de talleres de competencias emocionais e sociais dirixidos ás mulleres amesás. A través de catro obradoiros tentouse dotar ás asistentes de ferramentas para o seu empoderamento e para a prevención e o tratamento integral das violencias machistas, mediante a intervención terapéutica e de diferentes accións psicoeducativas.
Con este obxectivo, realizouse un taller cada xoves do mes no Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 17.00 a 19.00 horas. O primeiro en impartirse foi o de “Ioga e corporalidade consciente”, seguido de “Sexualidade: claves para mellorar a comunicación en parella”, “Benestar e nutrición: ¿como sentirnos mellor alimentándonos mellor? E, por último, “Benestar en movemento”.
Prevención e tratamento integral da violencia de xénero
En setembro, o CIM de Ames tamén estivo a desenvolver un programa con diferentes actuacións para as mulleres que sofren violencia ou que están en risco de sufrila, facendo fincapé tamén na prevención da mesma. Así, estas actividades estiveron divididas en tres bloques: grupos de traballo, mañás temáticas e tardes temáticas; e tiveron como obxectivo dar asesoramento ás mulleres que sofren violencia ou que están en risco de sufrila, ofrecéndolles ferramentas que favorezan cambios nas vidas persoais e familiares imprescindibles para asegurar a recuperación integral da muller e poder, así, comezar un novo proxecto vital.
Así, nos grupos de traballo desenvolveuse unha intervención de carácter terapéutico destinada a este colectivo. Ao longo de 10 sesións traballáronse as competencias emocionais e sociais, partindo dunha análise de necesidades que se fixo ao comezo de cada grupo. Buscouse así a creación dun espazo de confort e confianza no que abordar transversal e explicitamente as súas competencias emocionais e sociais.
Obradoiros de desenvolvemento persoal
No tocante ás mañás temáticas, estas teñen lugar dous días á semana e están dirixidas ás mulleres do grupo de traballo e intervención terapéutica e tamén a mulleres do concello de Ames que, pola súa situación ou risco de vulnerabilidade, requiren deste tipo de intervencións. Nas mañás temáticas trabállase mediante obradoiros de competencias relativas ao desenvolvemento persoal, ao benestar integral e á promoción da saúde das mulleres participantes. O obxectivo é reducir a marca e severidade dos danos causados na saúde, tanto física como emocional, causados pola violencia contra as mulleres, poñendo especial énfase en aquelas que se atopan en situación de maior risco ou vulnerabilidade.