Pestanas principais

Rematan os programas lúdicos estivais no Concello de Ames

Sábado, 10 de setembro de 2011

[10-09-2011] Tras o remate da Escola de Verán e antes do comezo do novo curso escolar, desenvolveuse o Setembro lúdico desde o 1 ao 9 de setembro. A iniciativa estivo dirixida aos cativos escolarizados no 2º ciclo de educación infantil e en educación primaria. Deste xeito, ofreceuse unha alternativa para os primeiros días de setembro co fin de ocupar o tempo de lecer e ir engraxando a máquina para o comezo do curso escolar, o vindeiro luns día 12. Máis de 800 rapaces e rapazas participaron nas actividades estivais.


Todo o programa de setembro estivo dedicado a "Os nosos amigos do mundo", co obxectivo de levar os cativos e cativas a coñecer lugares interesantes para comprender que todos somos diferentes porque nos educamos en culturas diferentes. O reto principal consistiu na presentación da xeografía dunha forma atractiva para atraer o seu interese. As actividades xiraron arredor da diversidade étnica e cultural, a educación cívica e o fomento de prácticas comunicativas baseadas no respecto ao outro.

A última xornada foi moi especial. Non só era o último día do programa, tamén era o último día do verán 2011, que implicaba< as consabidas despedidas con moitos monitores e monitoras que estiveron cos cativos e cativas durante toda a época estival. Ademais, recollendo o tema tratado durante setembro de "Os nosos amigos do mundo", os participantes puideron gozar do filme "Willy Fog", antes de facer diversos xogos e ter unha gran festa de despedida, con moitas larpeiradas e música.

Máis de 800 cativos e cativas puideron gozar de todas as actividades lúdicas durante este verán 2011, entre o Xuño Lúdico, con case 300 participantes, a Escola de Verán nos meses de xullo e agosto, con máis de 300, e, finalmente, o Setembro Lúdico, con case 200. Durante o mes de xullo, o número de cativos e cativas que gozaron das actividades situáronse en torno aos 200 participantes. Por outra banda, o mes de agosto supuxo un lixeiro descenso no número de rapaces e rapazas que asistiron as escolas de verán cunha cifra aproximada de 130 rapaces.

Facer compatible a vida familiar coa laboral é só un dos obxectivos deste programa que vai máis aló. Tamén se pretende integrar todos os nenos e nenas dentro do seu grupo de iguais, fomentar as habilidades sociais e achegar os cativos e cativas á importancia da chegada do cole. O Setembro Lúdico, unha edición máis, consistiu en sete días de diversión, aprendizaxe e novas amizades.


Ás portas do comezo do curso escolar, o luns día 12, onte remataron as actividades lúdicas que ofreceu o Concello de Ames durante todo o verán. O Xuño Lúdico, a Escola de Verán nos meses de xullo e agosto, e o Setembro Lúdico foron os programas que ofreceron a oportunidade de conciliar a vida laboral e familiar e que os cativos/as tiveran un verán ameno.

O Setembro Lúdico desenvolveuse os días 1, 2, 5, 6, 7, 8 e 9, tanto en Bertamiráns como no Milladoiro, cun total de 192 nenos e nenas. En Bertamiráns, utilizáronse as instalacións do CEIP A Maía para realizar xogos e obradoiros nos que participarán 90 rapaces e rapazas. No Milladoiro asistiron 102 nenos e nenas e os lugares escollidos foron o pavillón polideportivo e a Escola Infantil desta localidade. As actividades desenvolvéronse das 9:00 h. ás 14:30 horas da mañá. Aínda así, o programa entendeuse desde as 7:30 h. ata as 16:00 h., para aqueles nenos e nenas que utilizaron o servizo de comedor.