[11-06-2013] Durante o mes de xuño están clausurándose os diferentes programas que puxo en marcha a concellaría de Xuventude durante o curso 2012-2013. Deste xeito, xa remataron o obradoiro de break dance, o programa de reforzo educativo e o curso básico de inglés que se desenvolveu na localidade de Bertamiráns. O próximo mércores, 19 de xuño, rematará o curso de inglés que se está realizando no Milladoiro. Nestes curso participaron un total de 95 alumnos/as. A través destas iniciativas preténdese ocupar o tempo de lecer da mocidade amiense, así como ampliar a súa formación académica.
Esta a piques de rematar o curso escolar 2012-2013 e os diversos programas e obradoiros que puxo en marcha a concellaría de Xuventude ao longo deste curso tamén chegan ao seu fin. As primeiras actividades en rematar foron o obradoiro de break dance e o programa de reforzo educativo, que se desenvolveron nas instalacións do IES de Ames.
No obradoiro de break dance, que comezou o pasado 16 de xaneiro, participaron un total de 15 mozos/as. A práctica do break dance ofreceulle ao alumno/a a posibilidade de expresarse libremente, sen poñer barreiras á súa necesidade creativa e permitiulle ademais superar os obstáculos físicos que se lle presentaron cara á procura da superación persoal. O obxectivo principal da escola de break dance foi achegar esta disciplina ao colectivo xuvenil e promover os beneficios que leva a súa práctica habitual.
Outra das actividades que xa remataron foi o servizo de reforzo educativo no que participaron un total de 50 alumnos/as. Esta actividade estivo dirixida ao alumnado que está cursando a Ensinanza Secundaria Obrigatoria nos centros educativos de Ames. Deste xeito ofrecéuselle a posibilidade a todos os rapaces e rapazas de complementar os seus estudos con clases de apoio encamiñadas a potenciar o rendemento académico do alumnado.
O obxectivo deste servizo foi conseguir que o alumnado establecese durante o curso académico uns hábitos de traballo, un seguimento e un ritmo diario nos seus estudos. Establecéronse catro áreas de formación (ciencias e/ou letras tanto de 1º como de 2º ciclo de ESO), adaptadas segundo os intereses e necesidades do alumnado. Cada alumno/a puido participar nunha ou dúas áreas segundo as súas necesidades. As clases comezaron o pasado 6 de febreiro e desenvolveranse ata o 29 de maio, en horario de 16:30 h a 19:30 horas, no IES de Ames.
Cursos de inglés
Por outra banda, a concellaría de Xuventude puxo en marcha un curso de inglés destinado a preparar ao alumnado para a realización do exame Preliminary English Test (PET-B1). Neste curso participan un total de 30 persoas maiores de 18 anos. Para facilitar a asistencia de todos os alumnos/as organizouse un grupo en Bertamiráns e outro no Milladoiro. Cada grupo estivo formado por 15 alumnos/as. As clases tiveron unha duración de 90 minutos diarios durante dous días á semana. As clases impartidas en Bertamiráns remataron o pasado 6 de xuño, mentres que no Milladoiro rematarán o próximo mércores 19 de xuño. Ao remate do curso facilitóuselle ao alumnado a tramitación da matrícula para as probas de Cambridge.