[19-12-2014] O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística e coa colaboración do Servizo de Atención ao Migrante, puxo en marcha por décimo ano consecutivo os obradoiros de lingua e cultura galega. Baixo o lema “En galego, co teu acento”, esta iniciativa estivo dirixida a persoas procedentes de fóra de Galicia que viven en Ames, inmigrantes ou emigrantes retornados residentes no concello e a todas aquelas persoas que están interesadas en achegarse á lingua e á cultura galegas. Este venres, 19 de decembro, rematou o obradoiro que se impartiu na Casa da Cultura do Milladoiro. Previamente, desenvolveuse este mesmo obradoiro na localidade de Bertamiráns. A concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, entregoulle os diplomas aos participantes.
Os obradoiros impartironse dun xeito práctico e ameno. Nas clases desenvolvéronse actividades encamiñadas a facilitar aos asistentes poder entender e darse a entender en galego en situacións da vida cotiá ou conversar tranquilamente coas amizades. Ademais os participantes coñecen aspectos da xeografía, a historia e a literatura de Galicia.
Segundo explica a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, "Ames segue a ser un concello receptor de persoas que proveñen de moitos lugares do mundo e tamén o municipio ao que volven moitas persoas que fixeron a súa vida fóra e que durante anos non tiveron a oportunidade de ter contacto coa nosa cultura. Cremos que ofrecerlles a posibilidade de saber un pouco máis sobre a cultura e a lingua de Galicia pódelles axudar e facilitarlles a súa integración na nosa comunidade".
Os obradoiros de lingua e cultura, En galego, co teu acento, son un reflexo da riqueza multicultural do Concello de Ames que na actualidade conta no seu padrón con veciños e veciñas procedentes de máis de corenta nacionalidades. O obxectivo é que estas persoas que viven no concello pero que non naceron, non se criaron en Galicia ou non tiveron a oportunidade de achegarse á nosa lingua, acaden as nocións básicas para comprender e expresarse, tanto dun xeito oral como escrito, galego.
O obradoiro, que tivo unha duración de 30 horas, foi impartido pola técnica municipal de normalización lingüística. As clases do obradoiro que se impartiron na Casa da Cultura do Milladoiro remataron este venres, 19 de decembro. Previamente, desenvolveuse este mesmo obradoiro na localidade de Bertamiráns. Nestes obradoiros participaron persoas de lugares tan diversos como Venezuela, Colombia, Paquistán, Cuba, País Vasco, Valencia, León, Andalucía, Madrid e Tenerife.





