Pestanas principais

Rematan os obradoiros de emprego Accede e RenovAmes-Brión a través dos cales 45 persoas dispuxeron dun contrato laboral de 6 meses

Luns, 06 de marzo de 2017

[06-03-2017] Esta mañá o Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu o acto de clausura dos obradoiros de emprego Accede e RenovAmes-Brión, que se desenvolveron dende o pasado mes de setembro. A través destes obradoiros 35 alumnos/as-traballadores/as e 10 persoas do equipo de dirección, docente e administrativo, tiveron un contrato laboral durante 6 meses. Durante este tempo realizaron melloras de accesibilidade, montaxe de equipamentos térmicos de biomasa e mantemento e aforro enerxético. Ames e Brión xa traballan para solicitar novos obradoiros de emprego de cara a este ano 2017 que van a ter unha duración de nove meses.

Neste acto entregáronse os diplomas que acreditan o correcto aproveitamento destes obradoiros. A dito acto asistiron o xefe territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Isidoro Martínez, o alcalde de Ames, José Miñones, o alcalde de Brión, José Luís García, e a concelleira de Promoción Económica, Isabel González. Estes obradoiros contaron co cofinanciamento da Consellería de Economía, Emprego e Industria e co apoio financeiro da Unión Europea a través do Fondo Social Europeo.

Miñones agradeceulle ao alumnado “o traballo feito durante estes seis meses porque ademais de recibir unha formación, executaron diferentes obras de mellora que redundan no beneficio de todos os veciños e veciñas”. O rexedor municipal tamén mostrou a súa satisfacción porque “catro alumnos destes obradoiros atoparon un posto de traballo” e animounos “a ser emprendedores e crear, na medida do posible, a vosa propia empresa para poñer en práctica o aprendido durante estes meses”.

Na mesma liña se mostrou o alcalde de Brión, José Luís García, que tamén destacou “o bo traballo feito polo alumnado destes obradoiros no ámbito da accesibilidade coma a nivel de melloras enerxéticas”. Tamén agradeceu “o traballo feito polos técnicos municipais de Ames e Brión e finalizou dicindo que os Concellos de Ames e Brión seguirán colaborando para que se repitan os éxitos destas iniciativas”.

O xefe territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Isidoro Martínez, explicou que “estes obradoiros de emprego contaron cunha partida de preto de 311.000 euros da Xunta de Galicia”. Asemade, destacou que “estes obradoiros son un dos mellores instrumentos para mellorar a empregabilidade do alumnado participante. Permiten o acceso a un posto de traballo ao mesmo tempo que se mellora a formación dos participantes co obxectivo de incrementar as posibilidades de acceso ao mercado laboral”. Por último, destacou que “se vai aumentar a nove meses a duración deste obradoiros de emprego”

A concelleira de Promoción Económica do Concello de Ames, Isabel González, salientou que “a pesar de que estes obradoiros rematan, tedes dispoñibles os departamentos de emprego dos concellos de Ames e Brión para resolver as dúbidas que teñades”. Isabel González agradeceu o traballo feito polos directores do equipo docente e administrativo dos obradoiros, así como dos técnicos municipais de Ames e Brión “porque a impartición destes obradoiros requiren de moito traballo administrativo, que é menos visible, pero non por iso menos importante”.

RenovAmes-Brión
No RenovAmes-Brión participaron 15 alumnos/as traballadores/as e 4 persoas que formaron o persoal de dirección, docente e administrativo. A través deste obradoiro executáronse traballos de montaxe e mantemento de equipamentos térmicos de biomasa en varias instalacións municipais de Ames e Brión. No concello de Ames instaláronse estufas de pellets nos locais sociais de Piñeiro e Augapesada, mentres que na escola unitaria da Tarroeira (Ortoño) instalouse unha caldeira de pellets, que substitúe á de gasoil, e no local social de Biduído colocouse unha hidroestufa con radiadores.

Por outra banda, no concello de Brión instalouse unha estufa de pellets no local social dos Ánxeles e no local da banda de musica municipal. Neste caso tamén se levaron a cabo actuacións de mellora da eficiencia enerxética na Escola de Música e na Biblioteca municipal. Os traballos de mantemento executáronse na instalación solar térmica do pavillón polideportivo de Bertamiráns e da escola infantil do Bosque; no Centro de Formación e Emprego do Concello de Ames; nas escolas unitarias de Bastavales, Os Ánxeles e Luaña; no centro social polivalente de Brión; e no centro medico de Brión.

Este obradoiro enmarcouse dentro do programa de garantía xuvenil da Xunta de Galicia, para menores de 30 anos de baixa cualificación. Deste xeito, para a maioría dos mozos/as que participaron nesta iniciativa foi o primeiro contrato laboral que tiveron.

Mellora da accesibilidade
O outro obradoiro de emprego que se desenvolveu foi o proxecto denominado Accede no que participaron 20 alumnos/as traballadores/as e outras 6 persoas do equipo de dirección, docente e administrativo. Este proxecto estivo dirixido a realizar obras de pavimentación e albanelería para mellorar a accesibilidade dos espazos públicos municipais. Deste xeito, na urbanización de Aldea Nova executáronse 28 metros cadrados de soleiras de formigón impreso, na praza da Maía realizáronse diferentes actuacións de retirada de barreiras arquitectónicas que delimitaban a praza. Estes bordos sobresaían do nivel do acabado do pavimento de adoquín rústico e supoñían un impedimento para a normal circulación dos peóns. Debido a iso cortáronse para adaptalos en altura e colocáronse de novo quedando ao mesmo nivel que o resto do pavimento de dita praza.

Asemade, en Brión realizouse un replanteo dos pasos de peóns para a súa adaptación en última á normativa existente. Para iso empregáronse baldosas de terrazo de 64 botóns, así como as pendentes indicadas. Estes traballos realizáronse en coordinación cos servizos afectados de gas natural e da rede de augas pluviais para facer as dúas acometidas dende as novas arquetas e eliminar a arqueta que invadía o paso de peóns que dá acceso a porta do colexio publico de Brión. Tamén se adaptaron as tapas de dúas arquetas da rede eléctrica a os acabados de baldosa de terrazo cos botóns, por a súa coincidencia no trazado da modificación.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames y Brión gestionan nuevos planes de empleo tras el cierre de los talleres para 35 parados"