Pestanas principais

Rematan os obradoiros culturais que organizou o Concello de Ames ao longo do curso 2012-2013

Venres, 31 de maio de 2013

[31-05-2013] Esta semana rematan os obradoiros culturais que organizou o Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes e Cultura, durante o curso 2012-2013. A longo deste ano os e as amienses puideron gozar de cinco obradoiros como foron o de baile de salón; manualidades; teatro; xadrez; e baile e música tradicional. Este venres, 31 de maio, ponse fin ao curso 2012-2013, pero para o próximo curso haberá máis obradoiros culturais.


Obradoiros de baile de salón e xadrez
Por outra banda, esta semana tamén se clausuraron os obradoiros de baile de salón. O mércores, 29 de maio, fíxose a clausura do obradoiro que se desenvolve no Milladoiro, mentres que o xoves, 30 de maio, tocoulle a quenda aos usuarios/as de Bertamiráns. Neste actos, os participantes puxeron en escena catro bailes dos que aprenderon ao longo do curso.

Outro dos obradoiros que se clausurou estes días foi o de xadrez. O luns 27 de maio, na Casa da Cultura de Bertamiráns, e o martes 28 de maio, na Casa da Cultura do Milladoiro, realizáronse unhas partidas simultaneas, que consisten en que un usuario/a xoga contra o resto do seus compañeiros/as.

Ao longo desta semana celebráronse os actos de clausura dos obradoiros culturais. Unha das actividades que máis interese esperta entre a veciñanza amiense é o obradoiro de manualidades. Esta actividade ten un enorme éxito entre os adultos que dispoñen de tempo libre para o lecer, pero este divertimento tamén implica traballo. Pinturas acrílicas, témperas, cartón, papel, pinceis, barro e verniz, entre outros materiais, encheron durante estes meses as aulas do obradoiro de manualidades.

Todos os grupos mostraron unha gran dedicación e fixeron utensilios aproveitables para o fogar e para a decoración. Cada un centrouse no seu labor: uns pintaron vasos e distintos recipientes de cristal, outras fixeron reloxos con tapacubos ou pintaron cadros. Dúas profesoras foron as encargadas de supervisar as tarefas que se desenvolveron e de impartir as clases.

O obradoiro foi de gran utilidade para todas as persoas que participaron nesta actividade. Algúns dos traballos que elaboraron foron pinturas en vidro, cadros, xerras, bandexas, bixutería con feltro, cadros de colaxe, pintura en tela, paraugas decorados, pequenos mobles decorados e traballos con pinturas acrílicas, usando como bases espellos, bandexas e cadros.