Pestanas principais

Rematan os cursos de natación aos que asistiron uns 400 rapaces e rapazas

Xoves, 01 de setembro de 2011

[01-09-2011] As piscinas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro dixeron adeus aos cursos de natación organizados polo Concello de Ames. En Bertamiráns a celebración tivo lugar ás 11:00 horas, mentres no Milladoiro a clausura tivo lugar ás 12:30 horas. Despois de dous meses en que os cativos e cativas puideron gozar e aprender un deporte como a natación, o Concello de Ames, representado polo concelleiro de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro, repartiu camisetas para todos os participantes como recompensa do esforzo e recordo do curso.

Clausúranse os cursos de piragüismo

Remata o verán e con el, os cursos de iniciación ao piragüismo. Este mércores 31 de agosto tamén remataron os cursos de piragüismo que puxo en marcha o Concello de Ames. Nestes dous meses estivais, as actividades relacionadas coa auga cobraron protagonismo e, sobre todo, deportes en auxe como o piragüismo e o kayak de río. A clausura do curso tivo lugar na praia fluvial de Tapia, lugar onde se realizaron sempre as clases por ter unhas instalacións inmellorables para a práctica deste deporte.

O encargado de impartir o curso de iniciación ao piragüismo foi o Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre xunto co Concello de Ames. O número de participantes foi de 18 nenos e nenas con idades comprendidas entre os 8 e os 14 anos.


Os monitores valoraron positivamente todo este verán de natación, cun número moi alto de participantes. O único negativo foi a climatoloxía, pero aínda así o número de usuarios/as foi moi alto. Paula, unha das monitoras que leva xa desde o 2003 traballando no verán, sinala a boa resposta dos rapaces e rapazas, que tiveron unha gran progresión en tan pouco tempo.

A natación é unha das actividades deportivas máis recomendables. Non só se traballan dous terzos de todos os músculos do corpo senón que tamén ten moitos efectos positivos na mellora da saúde como é no incremento na resistencia cardiopulmonar, a estimulación da circulación sanguínea, mellora a postura corporal ou axuda ao desenvolvemento da flexibilidade entre outros efectos terapéuticos. Por iso, desde a Concellaría de Deportes organízanse todos os anos varios cursos de natación onde a gran asistencia sempre deixa un bo sabor de boca.


Preto de 400 rapaces amienses acudiron as clases de natación de 45 minutos que se impartiron durante os meses de xullo e agosto nas piscinas abertas de Bertamiráns e do Milladoiro, e que foron clausurados este mércores, 31 de agosto, da man do concelleiro de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro, que estivo en ambas as dúas localidades repartindo agasallos para os participantes como recompensa polo esforzo que realizando durante estes dous meses de verán.

Os cursos repartíronse ao longo da mañá, divididos en franxas de idade. Das 10:30 h. ás 11:15 h. foi a quenda dos nenos e nenas de 12 anos; das 11:15 h. ás 12:00 h. foi a hora dos cativos e cativas de dez e once anos; na terceira quenda, das 12:00 h. á 12:45 h., participaron os rapaces de oito a nove anos; das 12:45 h. a 13:30 h., os nenos e nenas de entre seis e sete anos e, na última quenda, de 13:30 h. a 14:15 h., tocoulle a vez ao grupo dos máis cativos, os e as que teñen entre tres e cinco anos.