Pestanas principais

Rematan as obras de reparación da calzada na rúa Anxeriz do Milladoiro

Venres, 13 de febreiro de 2015

[13-02-2015] Esta mañá remataron as obras de reparación da calzada na rúa Anxeriz do Milladoiro e esta tarde abrirase ao tráfico o último tramo de rúa. Os traballos consistiron na substitución do empedrado de pezas de formigón por unha lousa de formigón semipulido e o repintado dos pasos de peóns. Estes labores, que contan cun orzamento duns 50.000 euros, iniciáronse o pasado 19 de xaneiro.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, destacou que “a partir de hoxe quedará aberta ao tráfico toda a rúa, tras acometer uns traballos moi necesarios. A rúa presentaba  grandes deficiencias no seu firme dende hai tempo e con esta actuación solucionase un problema para todos os veciños e veciñas do Milladoiro”.  

O proxecto executouse en catro fases para prexudicar o mínimo posible aos veciños. En primeiro lugar houbo que levantar os bloques de formigón existentes. Destas pezas gardáronse aquelas que non estaban deterioradas. Ademais houbo que demoler e retirar os elementos transversais executados en formigón e o morteiro colocado sobre a lousa base para deixala limpa e uniforme. Unha vez feitos estes traballos e co carril rodado limpo, aplicouse unha formación de pavimento de formigón armado.  

Cómpre destacar que no tramo que vai dende a rúa de Abaixo ata o cruce coa rúa Raxoeira mantívose o estado orixinal do pavimento de bloque xa que se atopa en bo estado. Ademais, mantívose o pavimento do cruce coa rúa Pardiñeiros, que xa foi reparado o pasado ano.

Acondicionamento da mediana de Rosalía de Castro 

O Concello de Ames, a través do departamento de parques e xardíns, tamén realizou esta semana traballos de acondicionamento da zona axardinada na mediada da avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro. Estes labores consisten na limpeza, desbroce e escarda de malas herbas mediante medios mecánicos e manuais e teñen un custo de 1.208 euros.  
O concelleiro de Parques e Xardíns, Alfredo Taboada, explicou que “se trata duns traballos de acondicionamento que se realizan todos os anos para que a zona axardinada da mediana da avenida de Rosalía de Castro estea limpa. Estes traballos son moi importantes xa que esta estrada ten un gran tráfico todos os días e non debe haber maleza neste lugar”.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Fin de obra en Anxeriz y relevo en la N-550"
El Correo Gallego: "Ames renueva la calle Anxeriz de Milladoiro y ubica islas ecológicas"