Pestanas principais

Rematan as obras de pavimentación para a mellora do viario de acceso ao parque empresarial do Milladoiro dende a estrada Ventín-Coira

Venres, 03 de xaneiro de 2020

Durante os últimos meses do pasado ano estiveron executándose as obras de pavimentación para a mellora do viario de acceso ao parque empresarial do Milladoiro dende a estrada Ventín-Coira. Estes traballos foron adxudicados á empresa Excavaciones Pose SL, por un importe de 59.895 euros. Para executar este proxecto o Concello de Ames recibiu unha axuda da Xunta de Galicia. Deste xeito, abriuse un novo acceso ao parque empresarial Novo Milladoiro. Tamén se executou unha senda peonil por dita estrada para mellorar a seguridade peonil dos veciños e veciñas que transitan diariamente a pé por esta vía.

Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, e maila concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, achegáronse ata O Milladoiro para ver como quedou, despois das obras de mellora da pavimentación, a estrada que vai dende Ventín – Coira ata o parque empresarial situado nesta localidade. Esta obra mellora tanto o acceso rodado ao polígono desde Coira, como dos veciños e veciñas da zona coa construción dunha senda peonil.

A actuación executada consistiu na mellora do viario de acceso ao parque empresarial Novo Milladoiro dende a estrada de Ventín a Coira. Este viario ten unha lonxitude de 370 metros e unha anchura media de 5,5 metros. A súa capa de rodaxe atopábase degradada debido ao intenso tráfico que circula en dirección ao parque empresarial desta localidade, polo que realizouse unha mellora do pavimento con aglomerado de 6 centímetros de espesor en toda a calzada. Na calzada actual tamén se corrixiu o peralte da curva do punto quilométrico 0+200 cunha cuña de aglomerado de 6 centímetros de espesor medio.  

Ademais, pola marxe dereita de dito viario executouse unha cuneta de seguridade, revestida de formigón de 365 metros de lonxitude e 1,5 metros de anchura con canalización de augas pluviais. Deste xeito aumentouse a seguridade viaria, tapando a cuneta que estaba en terra e que tiña unha gran profundidade. Tamén se acondicionou, por esta mesma marxe, un sobreancho de xeito que na actualidade se alcanza unha anchura total de 6 metros (carrís de 3+3 metros) na capa de rodadura.

A canalización de pluviais fíxose por esta marxe da estrada e executouse por debaixo da senda peonil. Ademais, na zona próxima as vivendas de Coira realizouse unha ampliación da canalización das augas pluviais, que inicialmente non estaba prevista, nun tramo de 30 metros aproximadamente, da estrada que vai cara Ventín para facer unha recollida de pluviais máis efectiva.

O alcalde de Ames, Jose Miñones, explicou que “esta era unha demanda de hai bastante tempo dos veciños de Ventín e Coira, así como dos comerciantes e empresarios do parque empresarial do Milladoiro. Vai permitir que haxa unha nova entrada e saída para os vehículos e ir buscando rutas alternativas para que a entrada a dito parque empresarial dende Santiago de Compostela quede máis liberada. Tamén se executou unha senda peonil, que era unha demanda dos veciños/as de Coira que transitan por esta vía todos os días, e instaláronse tres puntos de luz na zona desta vía que está máis próxima ás vivendas de Coira”.

Novo acceso para o polígono
Deste xeito, dáse cumprimento a unha demanda feita polos integrantes da Asociación empresarial do Parque Novo Milladoiro sobre a necesidade de abrir un acceso ao polígono.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, dixo que “este tipo de obras benefician á veciñanza do rural, ademais dos empresarios e comerciantes do parque empresarial, porque é unha saída natural que utilizan os veciños e veciñas de Coira e da parte de abaixo de Ventín, para acceder algúns deles ás paradas de autobús que hai no Milladoiro. Por iso decidimos habilitar, pola zona da cuneta, unha senda peonil e tamén reforzamos o alumeado público no tramo de vía que está pegada ás vivendas. Este ano vamos a rematar a colocación de novos puntos de luz dende esta zona de vivendas ata a entrada do parque empresarial”.

Novas relacionadas: 

El Correo Gallego: "Melloran o acceso a Novo Milladoiro dende Coira"

Compostela 24 horas: "Rematan as obras de pavimentación para a mellora do viario de acceso ao parque empresarial do Milladoiro dende a estrada Ventín-Coira"

La Voz de Galicia: "Novo Milladoiro estrena vial y senda de acceso desde la carretera de Ventín"

Rematan as obras de pavimentación para a mellora do viario de acceso ao parque empresarial do Milladoiro dende a estrada Ventín-Coira

Multimedia

  • Rematan as obras de pavimentación para a mellora do viario de acceso ao parque empresarial do Milladoiro dende a estrada Ventín-Coira
  • Rematan as obras de pavimentación para a mellora do viario de acceso ao parque empresarial do Milladoiro dende a estrada Ventín-Coira
  • Rematan as obras de pavimentación para a mellora do viario de acceso ao parque empresarial do Milladoiro dende a estrada Ventín-Coira
  • Rematan as obras de pavimentación para a mellora do viario de acceso ao parque empresarial do Milladoiro dende a estrada Ventín-Coira