Pestanas principais

Rematan as obras de pavimentación do acceso ao lugar de Sura, na Ameixenda, nas que se investiron máis de 63.000 euros

Sábado, 09 de xaneiro de 2021

A Xunta de Goberno Local aprobou no mes de agosto de 2020 a adxudicación das obras de pavimentación do viario de acceso á aldea de Sura, pertencente á parroquia da Ameixenda. Estas obras, incluídas no POS Adicional 1/2019, foran adxudicadas á empresa Obras y Viales de Galicia SL (OVIGA SL) por un importe de 63.220 euros. O proxecto súmase aos que tamén se desenvolveron para mellorar os viarios interiores de Raíces e pavimentar o camiño de Tarrío a Raíces. Todos eles están incluídos no POS Adicional de 2019.

A pavimentación de Sura fíxose sobre un vieiro de algo máis de dous quilómetros (2.010 metros de lonxitude exactamente), que está dividido en dous treitos de 310x4,50 e 1.700x3,50 metros, así como en 125 metros cadrados de sobreanchos. 

A través desta actuación mellorouse a capa de rodaxe con cinco centímetros de aglomerado en quente que se aplicou sobre toda a plataforma. Previamente reparáronse as fochancas e perfiláronse as mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Completaron a obra a limpeza de gabias e salvagabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal e a sinalización horizontal con pintado de liñas en bordes e símbolos. 

Plan de mellora dos camiños da zona rural

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, salientou que “estas obras forman parte dun plan máis amplo que contempla ir mellorando os camiños interiores e de acceso ás aldeas do rural amesán, e que se está levando a cabo tanto con cargo a fondos da Deputación da Coruña como a fondos municipais propios”.

O concelleiro de Obras indicou tamén que “a esta actuación na parroquia da Ameixenda hai que sumarlle a xa realizada recentemente desde O Mercuto a A Folgueira, na que se pavimentou a estrada. Ademais, recentemente na Ameixenda realizouse a construción do saneamento no propio lugar de Sura, o arranxo do campo da festa, o asfaltado dunha pista no interior de O Mercuto e o asfaltado dunha pista en Quintáns”.

Ademais, durante este ano está previsto realizar a mellora do asfalto da estrada que vai de O Mercuto ata O Vilar, na que se construirán unhas sendas peonís de seguridade. 

Para o alcalde de Ames. José Miñones, a obra pon de manifesto que “este Goberno está concienciado coa importancia que ten o rural amesán, e por iso estamos a realizar unha clara aposta pola mellora dos nosos núcleos e os seus accesos".

Pavimentación do acceso ao lugar de Sura

Multimedia

  • Pavimentación do acceso ao lugar de Sura
  • Pavimentación do acceso ao lugar de Sura
  • Pavimentación do acceso ao lugar de Sura