[02-11-2018] Unha das apostas máis firmes que se está realizando dende o Concello é a mellora da accesibilidade das instalacións municipais e dos espazos públicos de Ames. Deste xeito, acaban de rematar as obras de mellora da accesibilidade na contorna da praza da Maía, situada na localidade de Bertamiráns. Estes traballos, que foron adxudicados á empresa 200 Joscón Construcciones SL por importe de 36.275,80 euros, contaron cunha subvención de 33.689,36 euros da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia. Esta axuda está cofinanciada con fondos Feder do programa operativo Galicia 2014-2020.
Investimento en accesibilidade
A actuación realizada na praza da Maía de Bertamiráns súmase a outras moitas que, en materia de accesibilidade, está a desenvolver o goberno municipal. Así, son máis de 300.000 euros os que xa se investiron en actuacións en varias instalacións do Milladoiro (parque infantil adaptado, oficinas xerais, biblioteca, piscina municipal, Travesía do Porto, pasos de peóns), na Casa do Concello e praza do Concello en Bertamiráns, así como nas instalacións da praia fluvial de Tapia.
Ademais, está previsto que comecen en breve os traballos na rúa Agro do Medio no Milladoiro e, en fase de licitación, están tamén as obras de mellora da accesibilidade no Pazo da Peregrina de Bertamiráns e no pavillón polideportivo do Milladoiro. En breve tamén se licitarán as do pavillón de Bertamiráns. Un investimento pendente de executar que rondaría os 400.000 euros, cifras que confirman no actual mandato o maior investimento en accesibilidade na historia de Ames. Para o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, queda patente “o compromiso deste goberno coas persoas con problemas de mobilidade e discapacitadas”.
A actuación executada para a mellora da accesibilidade na contorna na praza da Maía, en Bertamiráns, desenvolveuse en tres zonas concretas. Na primeira, na confluencia coa avenida da Maía, procedeuse ao levantado do pavimento de adoquín e do bordo de pedra granítica, ademais de cortar o pavimento para a colocación dun novo bordo que enlaza coa beirarrúa. Procedeuse tamén á colocación do pavimento de baldosas de pedra granítica sobre base de formigón armado e dunha franxa de pavimento de adoquín de pedra granítica como elemento de enlace das dúas beirarrúas.
No linde da praza da Maía coa Travesía da Peregrina a actuación consistiu no levantamento do bordo de pedra granítica e da xardinería, ademais do corte de pavimento para a colocación dun novo bordo que enlaza coa beirarrúa. Tamén se colocou o pavimento de baldosas hidráulicas sobre base de formigón armando e procedeuse á modificación de arquetas e pozos.
Dita actuación realizouse nun terceiro espazo, onde tamén se desenvolveron melloras de accesibilidade, na confluencia da Travesía da Peregrina coa rúa Rueiro. Nesta zona, procedeuse ao levantado de bordo de formigón de beirarrúa e ao corte de pavimento asfáltico para colocar bordo de formigón. Colocouse unha base de beirarrúa de formigón armado, pavimento de baldosas hidráulicas con zonas diferenciadas e executouse unha formación de vaos peonís e pintado de liñas de marcación viaria.





