[21-05-2011] Esta semana remataron as obras de construción da nova sala de exposicións, que está anexa á Casa da Cultura de Bertamiráns. Con esta obra melloráronse as instalacións deste centro sociocultural para ampliar a utilidade do edificio. O novo local conta cunha superficie de 512 metros cadrados e está encadrado ao carón do centro. Este proxecto tivo un custo de 228.323 euros e foi sufragado a través do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña. Ademais, acaban de finalizar as primeiras obras recollidas no Plan municipal de Accesibilidade, que se levaron a cabo no interior e no exterior da Casa da Cultura de Bertamiráns. Estres traballos tiveron un custo de 97.940 euros. En total o Concello de Ames investiu 326.263 euros para mellora as instalacións do centro sociocultural desta localidade. Esta ampliación permitirá desconxestionar o vestíbulo do edificio xa que ata o de agora as mesas electorais que se montaban neste lugar estaban todas na entrada do centro sociocultural.
O Concello de Ames ofrece a toda a veciñanza amiense unha ampla programación cultural para todos os públicos. Todas as fins de semana organízanse numerosas actividades nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. A estas actividades tamén se suman en moitas ocasións varias exposicións de pintura ou outro tipo de artes que normalmente se poden visitar no Pazo da Peregrina. Para albergar todas estas iniciativas o Concello precisa de máis espazo, polo considerou conveniente ampliar o cento socio cultural de Bertamiráns.
O novo local conta cunha superficie de 512 metros cadrados e está encadrado ao carón da Casa da Cultura de Bertamiráns. Dende o Concello de Ames considerouse que este era o lugar máis axeitado para a construción deste edificio porque se atopa na Praza de Chavián, lugar de encontro e de diversión para unha gran parte da poboación amiense. Coa execución desta obra mellóranse as instalacións da Casa da Cultura de Betamiráns, para ampliar a utilidade deste edificio e coa intención de que se poida desenvolver unha maior cantidade de actividades socio culturais para a cidadanía amiense.
A nova sala pode albergar grandes exposicións e outro tipo de actividades como poden ser os obradoiros de teatro, de música, de xadrez, bailes de salón, clases da escola de musica, etc. Para iso construíuse unha gran sala de usos múltiples que se dedicará a sala de exposicións, pero que en caso doutras necesidades tamén pode ser empregada para outro tipo de actividades. Tamén se construíron unha segunda sala de exposicións máis reducida e varias salas dun tamaño máis pequeno para albergar os diversos obradoiros que xa se veñen programando nos últimos anos. Polo tanto, disponse de dúas salas de exposicións, oito estancias de menor tamaño e unha sala de xuntas.
Por outra banda hai un almacén para gardar todo o material necesario que se emprega na organización dos distintos obradoiros e actividades que se realizan tanto neste edificio como na propia Casa da Cultura. Por último hai que sinalar que este local esta conectado co actual centro sociocultural para poder controlar o acceso dende a recepción que hai na Casa da Cultura.
Estas obras tiveron un custo de 196.830 euros ao que lle hai que engadir o IVE que ascendeu a unha contía de 31.493, polo que o presuposto total foi de 228.323 euros. Esta obra foi sufragada con cargo ao Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Ames amplía casa de la cultura tras años de espera"