Pestanas principais

Rematan as obras de adecuación de pistas e viarios en Fraíz e A Moniña

Martes, 15 de outubro de 2019

Membros do goberno municipal visitaron a semana pasada os lugares de Fraíz e A Moniña, ambos na parroquia de Biduído, para comprobar o estado no que quedaron os viarios nos que se executaron obras de mellora. Este proxecto foi adxudicado á empresa Construcciones Cernadas S.L. por un importe de 102.811,75 euros, IVE incluído. Estas actuacións estaban incluídas no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concello) “POS+2018” da Deputación da Coruña.

O alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Obras, Blas García, e mailo concelleiro do Medio rural, Manuel Lens, achegáronse ata os lugares de Fraíz e A Moniña, na parroquia de Biduído, para ver como quedaron as obras de mellora de viarios que se executaron nestas aldeas.

Os traballos executados permitiron a pavimentación dos viarios interiores de Fraíz, divididos en sete treitos, coa reposición do paquete de firme con cinco centímetros de zahorra e doce de formigón, previa demolición, nivelación e compactación do pavimento existente.

Por outra banda, a pavimentación de viarios na Moniña estivo dividida en cinco treitos, coa reposición do paquete de firme con cinco centímetros de zahorra e doce de formigón, previa demolición, nivelación e compactación do pavimento existente. Executouse tamén a pavimentación de dous sobreanchos con quince centímetros de zahorra e doce de formigón.

En ambas aldeas tamén se realizaron traballos para executar cunetas de seguridade revestida de formigón, baixo as que se canalizaron tubarías de PVC, así como arquetas con sumidoiro para canalización de augas pluviais.

A maiores do proxecto de execución destas obras e con fondos propios asfaltouse unha pista no lugar de Fraíz e que bordea o núcleo paralelo á antiga vía do tren. Esta obra realizouse por petición dos veciños e veciñas do lugar, xa que se atopaba con algunhas fochancas e ten un uso habitual como saída da parte alta de Fraíz.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, apunta que “a través dos fondos provinciais do POS+2018 puidemos mellorar os viarios interiores de dúas aldeas da parroquia de Biduído. Estes traballos están recollidos nun plan máis amplo que contempla ir mellorando os camiños interiores das aldeas do rural amesán que se irán facendo con cargo a estes fondos da Deputación da Coruña”.

 

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Rematan as obras de mellora de pistas en Fraíz e A Moniña"

Imaxe da visita feita aos lugares de Fraíz e A Moniña