Pestanas principais

Remata unha nova edición do obradoiro de luz e son

Xoves, 26 de maio de 2011

[26-05-2011] O obradoiro de luz e son que organizou a Concellería de Mocidade, dentro do programa de actividades de artes escénicas e escenografía que leva a cabo a Oficina Municipal de Información Xuvenil, chegou ao seu fin. Nesta actividade participaron 16 rapaces e rapazas. Nesta edición houbo mozos e mozas de varias idades e de ambos sexos, en contraste con anteriores ocasións. O curso impartiuse os mércores, de 16:00 h. a 17:30 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Os encargados de facer entrega dos diplomas que acreditan o correcto aproveitamento deste curso foron o alcalde e a concelleira de Mocidade, ambos os dous en funcións ata que tome posesión o novo goberno municipal.


Un total de dezaseis rapaces e rapazas participaron do obradoiro de luz e son que organizou un ano máis a Oficina Municipal de Información Xuvenil. O obradoiro de luz e son estivo destinado a mozos e mozas de Ames de 12 anos en diante. No obradoiro aprenderon a colocar os filtros nos canóns de iluminación e a manexar as mesas de iluminación e son. Ademais coñeceron todos os aspectos técnicos no campo do son e da iluminación.

Esta actividade impartiuse no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns durante once sesións teóricas e prácticas todos os mércores de 16:00 horas a 17:30 horas. Un monitor foi o encargado de instruír aos asistentes e outorgarlles os coñecementos necesarios para manexar a mesa de luz e son. A súa experiencia e especialización no mundo da televisión e en diferentes espectáculos permitiu ofrecerlles aos nenos e nenas a parte teórica necesaria para a posterior realización das prácticas.

Este tipo de actividades teñen como obxectivo principal formar aos rapaces nas novas tecnoloxías da comunicación e a información. Os propios mozos e mozas de Ames son os que mostran interese por poder participar nestes obradoiros formativos, polo que a Concellaría de Mocidade accedeu a volver a repetir esta iniciativa. Como mostra deste interese no mundo da interpretación o concello desenvolveu un programa de actividades e obradoiros relacionados co teatro e a interpretación, así como un obradoiro de radio.

Dende a posta en marcha deste tipo de iniciativas, mozos e mozas participantes nos anteriores obradoiros de luz e son colaboran co Concello, con asociacións e con diferentes colectivos de municipio na organización e desenvolvemento dos eventos e actividades que se realizan no concello, acadando unha importante implicación e participación na nosa sociedade.